22 de out. de 2016

CULTURA

Os premios aRi(t)mar da música e da poesía afianzan os vínculos lingüísticos e culturais ás dúas beiras do Miño 

As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura danlle apoio á iniciativa impulsada desde a escola oficial de idiomas compostelá, no marco das accións coas que a Xunta desenvolve a coñecida Lei Paz-Andrade

O secretario xeral de Cultura destaca que o obxectivo é avanzar no achegamento e promoción dun coñecemento mutuo, nomeadamente no intercambio lingüístico, cultural e literario

As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura danlle apoio á iniciativa impulsada desde a escola oficial de idiomas compostelá, no marco das accións coas que a Xunta desenvolve a coñecida Lei Paz-Andrade

Infogauda / Santiago de Compostela

 Os Premios Ari(t)mar da Música e da Poesía Galego-Portuguesa celebrarán o vindeiro martes 25 a súa primeira gala de entrega no compostelán Teatro Principal para recoñecer e afianzar os vínculos lingüísticos e culturais ás dúas beiras do Miño. Farano no marco de Ari(t)mar Galiza e Portugal, unha iniciativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa –a través da Escola de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela- que apoian as secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura no marco das accións coas que a Xunta de Galicia desenvolve a coñecida Lei Paz-Andrade.
 Así o deron a coñecer en rolda de prensa os titulares destes dous departamentos, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, acompañados pola concelleira responsable de Acción Cultural, Branca Novoneyra; pola escritora galega galardoada, María do Cebreiro; e mais polo director da escola organizadora, Gonzalo Constenla.

Gala aRi(t)mar no Teatro Principal

 Xabier Díaz, os portugueses Capicua, os poemas de Jose Ricardo Nunes e de María do Cebreiro van ser os protagonistas da gala de entrega de premios, nun serán que vai servir para "reforzar estes lazos entre Galicia e Portugal e tamén para dar a coñecer na nosa terra voces portuguesas con escaso eco nos nosos medios de comunicación e, en xeral, aínda no común da oferta cultural habitual”, afirmou Anxo Lorenzo. 

 Neste sentido, o secretario xeral de Cultura referiuse ao certame aRi(t)mar como “un paso máis nas programacións apoiadas desde a Administración galega para promover novas vías de encontro e de colaboración entre dous pobos irmáns que, desgraciadamente durante moito tempo, traballaron pouco en común neste ámbito e que nos últimos anos comezan a facelo dun xeito cada vez máis habitual, natural e co sentimento de empatía e irmandade que corresponde dada a nosa historia común e a continuidade xeográfica, cultural e lingüística que temos”.

 Así, a entrega de premios farase o de outubro 25 no marco da Gala dos Premios das Música e da Poesía Galego-Portuguesa, que se celebrará ás 20:00 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do teatro, toda a información para a retirada de billetes está dispoñible en www.eoisantiago.org.

I aRi(t)mar Galiza e Portugal

 A I edición de aRi(t)mar Galiza e Portugal é unha iniciativa do equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) da EOI de Santiago de Compostela que ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en 2015 en Galicia e en Portugal, amais de achegar as linguas e as culturas que configuran os dous territorios ás dúas beiras do Miño. Conta co apoio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, así como cos do Concello compostelán e da Deputación da Coruña.
aRi(t)mar distinguiu catro categorías de premios votados pola comunidade educativa virtual e social da EOI e mais polo público xeral galego e portugués entre dez poemas e cancións finalistas seleccionadas por un xurado que integraron os membros do seu EDLG. As pezas que resultaron galardoadas foron, por modalidades: mellor tema musical en galego (“Cantiga da montaña”, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre), mellor tema musical en portugués (“Medusa”, de Capicua), mellor poema en galego (“O corazón”, de María do Cebreiro) e mellor poema en portugués (“Não sei, minha filha...”, de José Ricardo Nunes). As cancións e as poesías gañadoras desta I edición de aRi(t)mar poden lerse e escoitarse, canda ás pezas finalistas, na sección dos EDLG do Portal da Lingua Galegawww.lingua.gal.

Cooperación galego-portuguesa

 Con este obxectivo de avanzar no achegamento e promoción dun coñecemento mutuo, nomeadamente no intercambio lingüístico, cultural e literario, a Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e mais a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal asinaron en 2015 un memorando de entendemento ao abeiro do cal se puxeron en marcha diversas iniciativas, entre as que destacan o Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal e o ciclo de Conversas Nortear, coa participación de escritores de ambos os dous países.
 Estas liñas de cooperación desde o eido cultural complementan outras postas en marcha na pasada lexislatura polo Goberno galego desde os ámbitos educativo, audiovisual ou administrativo co obxectivo de lle dar cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (Lei Paz-Andrade). Para alén diso, Galicia é candidata firme para incorporarse á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), organización do máximo nivel no ámbito da Lusofonía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario