22 de out. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación dedicará o ano 2017 ao patrimonio 

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ven de anunciar nunha xuntanza cos concellos da provincia que o Patrimonio material e inmaterial centrará as liñas de actuación do seu departamento no vindeiro exercicio 


Infogauda / Pontevedra

 Ábrese o prazo para que os concellos da provincia participen no Culturgal 2016 a través do posto da Deputación, para poñer en valor e difundir as súas ofertas culturais relacionadas con diversos aspectos do Patrimonio. Este foi o eixo central da xuntanza que o pasado venres mantivo o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, con representantes dos concellos de cara a organizar a vindeira cita coa Feira das Industrias Culturais que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre os días 2 e 4 de decembro. Na xuntanza, Xosé Leal anunciou que de cara ao vindeiro exercicio o seu departamento traballará no eido temático do Patrimonio. "Entendemos que o Patrimonio é un campo que dá moito xogo para que todos os concellos poñan en valor os seus elementos representativos, ben a través das propias institucións, ben a través do seu tecido asociativo" asegurou o deputado provincial. No referente ao tecido asociativo, Leal animou aos concellos a darlle cabida "ás vosas asociacións e fomentar a súa presenza nesta feira, porque doutro xeito non poderían participar".  

 Co Patrimonio como leitmotiv a Deputación de Pontevedra volverá a participar no Culturgal a través dun posto institucional e de actividades complementarias como a presentación dunha iniciativa propia na programación da feira e o patrocinio dunha gran exposición de arte contemporánea. En relación ao posto institucional repetirá unha fórmula similar ao do ano pasado, baseada en acoller a información cultural dos concellos da provincia que decidan participar da man do ente provincial. Segundo explicou Xosé Leal manteranse os mesmos espazos de participación a través de materiais impresos e audiovisuais, e implementarase unha zona dedicada a micropresentacións e outra a publicacións.  

 Xosé Leal manifestou que se espera incrementar o número de concellos participantes nesta cita, superando o número de 33 concellos que participaron no ano 2015. Neste sentido, insistiu en que "se trata dunha oportunidade única para que os profesionais que comercializan produtos culturais tamén coñezan as ofertas e as iniciativas dos concellos neste eido".  

Micropresentacións no propio posto  
 Como novidade nesta edición, e tendo en conta a ubicación do posto que está situado nun espazo que funciona como 'praza', aproveitaranse determinados momentos da xornada para realizar micropresentacións de iniciativas culturais relativas ao Patrimonio. Xosé Leal expuxo a idea inicial de participación neste apartado, que consistirá en realizar bloques de presentacións que non excedan os 5 minutos cada unha, dinámicas, visuais e atractivas para captar ao público da feira e dar a coñecer aspectos como a recuperación de lendas, a arqueoloxía, os monumentos históricos ou os espazos artísticos e históricos.  

 Ao igual que na anterior edición, o posto da Deputación manterá un espazo para material impreso, que incluso está pensando en ampliar, e para visionado de material audiovisual. A maiores, redistribuirá unha zona para habilitar un espazo de exhibición de publicacións de concellos relativas ao Patrimonio, que o público poderá consultar.  

 O Patrimonio  
Na xuntanza, o deputado ofreceu unha listaxe de elementos relacionados co Patrimonio para ofrecer unha idea dos aspectos que poderían ter cabida. Como Patrimonio material a listaxe inclúe manuscritos e documentos; gravacións, filmes e fotografías; obras de arte e artesanía; monumentos ou lugares históricos; lugares arqueolóxicos; conxuntos arquitectónicos; espazos artísticos; roteiros culturais; e centros industriais e obras de enxeñería. Como Patrimonio inmaterial cítase a lingua, os costumes, os mitos e lendas, e a música. Leal incidiu en que nesta edición quedarán excluídos os eventos e citas relacionadas coa gastronomía e as ofertas e guías turísticas, por non axustarse aos obxectivos da feira.  

 Por segundo ano consecutivo, tamén se prestará apoio aos concellos que o soliciten a través da imprenta provincial. O deputado aseguroulle aos asistentes que, a través deste apoio, se intentará facilitar que cada localidade teña oportunidade de dispoñer de materiais adaptados para a feira. Leal explicou que todos os materiais do posto, tanto publicacións como audiovisuais, serán editados en galego "porque entendemos que a presenza do noso idioma é o elemento vehicular e diferenciador nesta feira".

Ningún comentario:

Publicar un comentario