22 de out. de 2016

MAR

A Xunta lembra que informou puntualmente ao sector das súas xestións para manter o coeficiente redutor de xubilación dos tripulantes de buques galegos de altura e grande altura 

Lamenta as acusacións formuladas polo sindicato CIG e a súa falta de rigor e demagoxia ao tratar de enganar á opinión pública cargando á Administración autonómica a responsabilidade de interlocución neste asunto, unha función que corresponde e que veu exercendo o Goberno Central  

Non obstante, a Consellería do Mar interesouse por este asunto dende o minuto un para tratar de darlle unha solución inmediata e evitar o retraso na xubilación dos tripulantes de buques palangreiros e arrastreiros de altura e grande altura

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar informou puntualmente ao sector dos pasos que estaba dando para que se mantivese o coeficiente redutor de xubilación dos tripulantes de buques palangreiros e arrastreiros de altura e grande altura. Dende que tivo coñecemento deste asunto, a través da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, o Goberno autonómico estivo en contacto co sector e contactou co Ministerio de Fomento para trasladarlle os seus argumentos e apreciacións en defensa dos intereses do sector.
 A Xunta lamenta as acusacións formuladas polo sindicato CIG e a súa falta de rigor e demagoxia ao tratar de enganar á opinión pública cargando á Administración autonómica a responsabilidade de interlocución neste asunto, unha función que corresponde e que veu exercendo o Goberno Central a través dos ministerios de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, de Empleo y Seguridad Social e de Fomento.
 Non obstante, a Consellería do Mar interesouse por este asunto dende o minuto un para tratar de darlle unha solución inmediata e evitar o retraso na xubilación dos tripulantes de buques palangreiros e arrastreiros de altura e grande altura.
 De feito, o 11 de febreiro deste ano a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, reuniuse por primeira vez en Madrid con representantes da Dirección General de Marina Mercante e do Instituto Social da Marina para abordar este asunto e dende entón non cesaron os contactos co Goberno Central para que as consideracións de Galicia fosen tidas en conta.
 De todos estes pasos a Consellería do Mar mantivo informado aos afectados, ao sindicato CIG e a outras organizacións sectoriais. A última vez foi esta semana, trala reunión que mantivo o martes en Madrid a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, con representantes dos ministerios de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, de Empleo y Seguridad Social e de Fomento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario