23 de xuño de 2016

TUI

DEPORTES

Zeljko Obradovic, o rei europeo do basket, en Tui

Será o vindeiro sábado 2 de xullo cando recale en Tui Zeljko Obradovic (Čačak, Serbia, 1960), considerado o mellor adestrador na historia do baloncesto en Europa



Campus Joe Arlauckas / Tui

 Será o vindeiro sábado 2 de xullo cando recale en Tui Zeljko Obradovic (Čačak, Serbia, 1960), considerado o mellor adestrador na historia do baloncesto en Europa, ten no seu haber oito Euroligas con catro equipos diferentes: Partizan de Belgrado, Joventut de Badalona, Real Madrid e 5 Euroligas co Panathinaikos BC. 

 O actual adestrador do Fenerbahçe Ülkerspor de Turquía, con máis de 500 partidos en competicións europeas e con multitude de Ligas e Copas gañadas, impartirá un Clínic de baloncesto no pavillón municipal novo de Tui, dando así o pistoletazo de saída o Campus Joe Arlauckas-Tui 2016. 

Zeljko Obradovic considerado o mellor adestrador na historia do baloncesto en Europa

 Zeljko Obradovic porá o punto final a un Clínic de baloncesto que comezará ás 09:30 h do sábado 2 de xullo cunha poñencia de Carlos Vaqueiro, actual responsable da canteira do FC Porto. De seguido intervirá Antonio Carrillo, un dos mellores adestradores de minibasket de España e autor tamén de numerosos artigos e libros de referencia no mundo do basket; a última charla da mañá correrá a cargo de Pepe Laso, técnico moi recoñecido no baloncesto nacional dada a súa habilidade na formación de adestradores e que, entre outros equipos, dirixiu o Tau Cerámica, Fórum Valladolid e CAI Zaragoza. 

 Ás 18:00 horas estará na pista do novo pavillón Pepe Casal, un auténtico mestre da preparación física, contando no seu currículo o adestramento físico da Selección Española e durante moitos anos preparador físico de Pau Gasol, Romay, Ricky Rubio, Juan Carlos Navarro, e un longo etc. 

 O broche a este Clínic o porá Zeljko Obradovic a partir dás 20:00 horas e o finalizar a súa intervención terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas. 

 Pódese atopar máis información e realizar as inscricións na páxina web do Campus Joe Arlauckas-Tui 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario