A GUARDA DA A BENVIDA Ó VERÁN CUNHA AXENDA REPLETA PARA ESTA FIN DE SEMANA
A Guarda está disposta a facer do verán guardés un dos máis completos da comarca no que a oferta sociocultural se refire, como xa se demostrou na recente presentación da Axenda de Actividades do Verán 2016
Compoñentes do Grupo de Baile Tradicional Xamaraina
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
A Guarda está disposta a facer do verán guardés un dos máis completos da comarca no que a oferta sociocultural se refire, como xa se demostrou na recente presentación da Axenda de Actividades do Verán 2016. E todo comeza esta fin de semana que contará con tres días debido ao festivo autonómico, co que haberá aínda máis tempo para dar a benvida á época estival por todo o alto.
As actividades comezan este xoves pola noite coa celebración, a partir das 22 horas, do “San Xoán no Fuscalho” na zona da Atalaia, que contará con fogueira e actuacións de diversos grupos folk incluída a do Coro Fuscalheiro.
O venres día 24, ás 18:30 horas, a Asociación pola Recuperación do Traxe Galego inaugura a súa exposición anual na Casa dos Alonsos, unha mostra que estará aberta ao público ata o 8 de xullo. Tamén este venres 24 de xuño terá lugar na Alameda, ás 2o horas, o Baile de verán da Agrupación Musical da Guarda. Ademais, durante todo o día se celebrará en Campo de Chans, no Monte de Santa Trega, a 1ª Romería Castrexa organizada polas tres Comunidades de Montes da Guarda.
O día seguinte, sábado 25 de xuño, o Auditorio de San Benito acollerá o XII Festival Folclórico Luso-Galaico organizado pola Asociación Cultural Xamaraina, no que se poderán ver as actuacións de tres grupos galegos e un de Portugal. A continuación, ás 22:30 horas na Praza do Reló o Grupo Lareira dará un concerto organizado pola Asociación pola recuperación do Traxe Galego para celebrar a apertura da exposición.
Por último, se aínda quedan forzas despois de toda esta troula, o domingo 26 péchase unha fin de semana redonda no Auditorio de San Benito, as 20:00 horas, co Festival de Baile Moderno Marcando Pasos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario