O grupo provincial do PP pide que se dea un novo impulso á Ruta do Viño das Rías Baixas e renoven o convenio de colaboración
• Luis Aragunde recorda que os gobernos populares na Deputación apoiaron economicamente esta iniciativa, tanto para o seu funcionamento diario como para as actividades que desenvolven ao longo do ano.
• Para o voceiro Ángel Moldes “que o novo goberno teña dúbidas para apoiar a un sector tan importante como o viño xa non ten análise nin comentario”.
Luis Aragunde, Salomé Peña e Ángel Moldes, diante da adega máis antiga de albariño que se coñece en toda a denominación de orixe Rías Baixas
Infogauda / Cambados
O grupo provincial do Partido Popular pediu na mañá de onte mércores día 8 de xuño, en Cambados, ao goberno bipartito da Deputación de Pontevedra que renove o convenio de colaboración coa Ruta do Viño das Rías Baixas, co obxectivo de dar un novo impulso á entidade e apoiar economicamente tanto o funcionamento diario da ruta como as actividades que desenvolven ao longo do ano. Entenden que é unha ferramenta moi importante para a provincia, xa que practicamente todos os concellos que están baixo o amparo da denominación Rías Baixas se incorporaron a esta ruta, que permite desestacionalizar o turismo, potenciar os viños e a economía local destes concellos.
Ángel Moldes - a dereita da imaxe -, e os deputados Luis Aragunde e Salomé Peña na Praza de Fefiñáns (Cambados)
O voceiro do grupo popular, Ángel Moldes, e os deputados Luis Aragunde e Salomé Peña elixiron a Praza de Fefiñáns e a adega máis antiga de albariño que se coñece en toda a denominación de orixe Rías Baixas para esixir a renovación deste convenio. Defenderon que tanto o turismo como a viticultura son dous sectores moi importantes e sensibles para a provincia, e entenden que “Carmela Silva ten que implicarse, porque para todas as zonas da orixe Rías Baixas é importante este convenio e manter esta actividade”. Para Ángel Moldes, “que o novo goberno teña dúbidas para apoiar a un sector tan importante como o viño xa non ten análise nin comentario”.
Luis Aragunde subliñou que “levamos anos traballando, foise incrementando o número de turistas, foise incrementando a calidade das adegas,… Moitos adegueiros fixeron un esforzo económico e adaptaron as súas adegas para recibir turismo, e agora son grandes embaixadores da zona, se está dinamizando a economía local e estase dando máis prestixio aos nosos viños”.
O deputado popular recordou que o último convenio que se asinou coa Deputación de Pontevedra foi en novembro de 2014, por importe de 70.000 euros. “A finais de 2015, que era cando tocaba, non se firmou. Naquel momento non queriamos presionar, entendíamos que era un goberno que acababa de chegar e tiña que asentarse. Pero estamos xa en xuño, non se sabe nada dese convenio e nos orzamentos aparece ningunha partida para este convenio”, sinalou.
Pola súa parte, Salomé Peña puxo en valor que gracias a esta ruta “milleiros de visitantes se achegan aos concellos da denominación de orixe para coñecer toda a cultura do viño, desde as adegas, os viñedos, os museos,...”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario