11 de xuño de 2016

PONTEVEDRA

Os alcaldes do PP critican a negativa da Deputación a colaborar cos concellos na limpeza de praias  

Os populares demandan un plan permanente de limpeza de praias, que non escatime recursos  na posta a punto dos areais e praias fluviais. 

Nidia Arévalo di que a presidenta “pasou de estar ao lado dos concellos, a posicionarse fronte a eles, sen importarlles as consecuencias que pode ter para o sector”. 

Nidia Arévalo, portavoz do Grupo Popular na Deputación Provincial de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 O Partido Popular de Pontevedra criticou onte a negativa da Deputación de Pontevedra a colaborar cos concellos na posta a punto das praias da provincia, escudándose en que a institución provincial non ten competencias para elo. 

 Os gobernos do  Partido Popular  na Deputación mantiveron ano tras ano, un operativo de limpeza de praias en toda a provincia, dotado de medios mecánicos e persoal  necesario para ter os areais e praias fluviais en perfecto estado de revista.   

 Os deputados do PP non logran entender como o goberno da Deputación da espalda o mantemento dun dos principias recursos do sector turístico da nosa provincia, como son as praias das Rías Baixas.  A portavoz popular Nidia Arévalo recorda que o traballo conxunto entre as administracións autonómica, provincial, local e os axentes do sector, dou grandes réditos e recoñecementos, como o de ser das primeiras provincias de España en número de bandeiras azuis, 56 este ano.  

 Os alcaldes populares de Soutomaior, Baiona e Redondela, en representación da totalidade dos alcaldes do PP, esixiron a semana pasada á Deputación  a posta en marcha dun operativo de limpeza de praias, insisten na súa demanda, ante a imposibilidade de que poidan afrontar por si solos  a limpeza das súas praias. “A Deputación está para axudar aos concellos e ofrecer solucións, non problemas coma o que se nos está a plantexar”, di o alcalde de Baiona, que se ve obrigado a recorrer a axuda de concellos limítrofes para salvar a súa situación.  

 A portavoz dos Populares, Nidia Arévalo, interpreta as declaracións feitas polo goberno da Deputación como unha verdadeira declaración de intencións, “pasouse de estar do lado dos concellos, a posicionarse fronte a eles”, sen importarlle as consecuencias que elo pode ter para o sector. Os populares esperan que ao igual que aconteceu noutras ocasións, o goberno bipartito cambie de parecer e poña en marcha un plan para os concellos de limpeza das praias, “xa se perdeu tempo de mais, instamos o goberno a rectificar e poñer en marcha un plan de limpeza a disposición dos concellos, os seus alcaldes tamén llo agradeceran”, conclúe  Nidia Arévalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario