MÁIS DE 3.000 PERSOAS MANIFESTÁRONSE CONTRA O DESMANTELAMENTO DO HOSPITAL DO MEIXOEIRO (VIGO)
Fotos: C.I.G.
Infogauda / Vigo
Como habíamos informado previamente, na tardiña deste mércores día 22 de xuño, máis de 3.000 persoas respondendo á convocatoria da xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro, manifestáronse contra o desmantelamento do Hospital do Meixoeiro, de Vigo.
O remate da mobilización foi lído o seguinte comunicado:
Manifestación Meixoeiro 22 de xuño de
2016
Boas tardes a todas e a
todos e grazas por estar aquí hoxe, diante do Meixoeiro, que é un símbolo do
que está a pasar coa nosa sanidade pública: desmantelamento e privatización.
No “Acordo Básico pola Saúde na Área Sanitaria de Vigo” do ano 2006 xa
se apostaba por facer un Novo Hospital para a área sanitaria de Vigo que
rematara coa fragmentación da Atención Especializada e se potenciara a Atención
Primaria, nun novo deseño da área sanitaria que permitira incrementar os
recursos e a utilización integrada dos existentes.
Nese deseño inicial, se
reservaba para o H. do Meixoeiro un
papel de especial importancia como hospital especializado en Oncoloxía, para
tirar partido da tecnoloxía xa alí instalada, e tamén actividade relacionada
coa Cirurxía Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso), traumatoloxía,
xeriatría, coidados paliativos e medicina interna, mantendo 422 camas activas.
O Novo Hospital, segundo a
Consellería, tería 1.465 camas, que engadidas ás 422 do Meixoeiro e as 117 do
Nicolás Peña farían un total de 2.004
camas no conxunto do CHUVI.
O Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 5 de febreiro de 2009, as
condicións da licitación das obras do Novo Hospital de Vigo e como consecuencia
se asinou o Convenio Específico entre o Sergas e a Sociedade Pública de Investimentos, no que se establecía unha
provisión inicial de fondos de 300 millóns de euros para o Novo Hospital de
Vigo. O custe final da construción sería de 374.371.630 € con IVE incluído.
A licitación non se chegou
a realizar, pese ás demandas da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da
área de Vigo, por que o Partido Popular gañou as eleccións ao Parlamento de Galicia de marzo do 2009.
Tras constituírse o novo
goberno da Xunta, e xa coa desculpa da crise económica, comezaron a tomar
medidas que mudarían de xeito dramático os plans de actuación para a nosa área
sanitaria.
A primeira delas a supresión do Plan de Mellora da Atención
Primaria, no que se enmarcaba un importante investimento en recursos
humanos e materiais para a área de Vigo.
A segunda o cambio de modelo do Novo Hospital de Vigo,
abandonando o Convenio Especifico coa Sociedade Pública de Investimentos e
apostando pola colaboración “público
privada” é dicir pola súa privatización!.
O Sergas modificou o plan funcional e financeiro inicial e
licitou a construción do Novo Hospital en Beade, e a prestación dos servizos
“non clínicos” tanto no Novo Hospital como no do Meixoeiro e Nicolás Peña.
Como consecuencia do modelo
de licitación, o Novo Hospital é privado
e está no balance contable da Sociedade Concesionaria como un activo
financeiro, por importe de 232.000.132,58 €, que é o valor estimado dos custes
de construción. A Sociedade
Concesionaria o arrendará ao Sergas mediante un canon durante 20 anos que nos
custará 1.414.067.091 € IVE incluído.
A realidade da área sanitaria é ben distinta da prevista inicialmente,
o Novo Hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e o Nicolás
Peña a 68, polo que disporemos 1.260 camas, é dicir 744 camas menos das prometidas e anunciadas.
O CHUVI deixou de ser
centro de referencia para a Área Norte de Pontevedra en importantes servizos:
Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía, Cirurxía Plástica,
Cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista (unidades de hemodinámica) e
Cirurxía Cardíaca. A referencia destes servizos para a Área Norte de Pontevedra
están agora no Complexo Hospitalario de Santiago. POVISA mantén o concerto con poboación asignada e continúa a ser a
referencia de Cirurxía Maxilofacial, Nervio Periférico e Queimados.
O Novo Hospital non ten Laboratorio Central que se substitúe
por un laboratorio de resposta rápida. O laboratorio Central trasládase ao
Meixoeiro onde non hai espazo nin medios para albergar un Laboratorio destas
características, co que é preciso facer obras que retrasan a súa posta en
marcha e o fragmenta en diferentes plantas.
O Novo Hospital tampouco
ten Central de Esterilización, nin
sequera deixaron un espazo para poder facer o lavado e preparación das caixas
de material para ser logo esterilizadas, e hoxe estamos a ver as consecuencias,
para as traballadoras e para os pacientes.
Recórtanse drasticamente as
Área de Urxencias e Atención a
Pacientes Críticos (malia a conxestión que periodicamente afecta a este
servizo): A superficie redúcese un 25,5% e as 72 camas de observación previstas
redúcense a 32.
Elimináronse do proxecto
inicial compoñentes importantes que privan ao Novo Hospital do seu carácter estratéxico que o equiparaban aos
Hospitais do Norte de Galicia (A Coruña e Santiago): Módulo de Docencia e
Investigación, módulo de Rehabilitación, Hotel de Pacientes, 160 camas de
Coidados Mínimos-Intermedios.
Suprímense tamén os dous Centros de Alta Resolución previstos no
Plan Funcional, un no anexo I do edificio do Hospital Xeral e outro no Morrazo.
E nestes días estamos a reclamar que se
manteña o uso sanitario dos dous anexos do H. Xeral, de perder o anexo
I perderíamos a posibilidade de situar
alí o Centro de Alta Resolución da cidade de Vigo.
O Hospital do Meixoeiro non está a xogar o papel que tiña previsto no
plan funcional inicial e a aparente falta de criterio da Xerencia está a
sementar moitas dúbidas sobre o seu futuro.
A súa situación actual é intolerable, coa
metade das camas pechadas e co persoal movéndose, polo Meixoeiro e o Cunqueiro,
cubrindo baixas, vacacións ou acúmulos, mentres se derivan pacientes á sanidade
privada.
A solución aos problemas da
nosa área sanitaria pasan por recuperar
o Hospital Álvaro Cunqueiro para ao Sistema Sanitario Público e retomar o proxecto de Hospital Estratéxico para a
área Sur de Galicia, que devolva ao CHUVI os Servizos de Referencia
trasladadas ao Complexo Hospitalario de Santiago e as especialidades que se
manteñen no hospital privado POVISA, e que se recupere a capacidade do CHUVI de
atender ao 100% da cidadanía co restablecemento das camas previstas no proxecto
inicial.
E neste novo deseño o Hospital do Meixoeiro debe manter o seu
funcionamento como hospital xeral programado para diferentes especialidades,
aínda que sen porta de urxencias, recuperando
as camas e os recursos recortados.
Para facer posible o
proxecto estratéxico de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía,
deberiamos potenciar a actividade
oncolóxica no Meixoeiro, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica
específica xa dispoñible para atender estas patoloxías, convertendo ao CHUVI en
referencia Oncolóxica para o sur de Galicia.
Tamén temos que situar no
Meixoeiro todos os recursos de Cirurxía
Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso) da área, aproveitado os seus
quirófanos e as camas cirúrxicas (axustándoas segundo necesidades), e para que
isto sexa posible é necesario abrir unha
Unidade de Coidados Críticos, a pleno rendemento, en todas as quendas e
cos RR.HH. e materiais suficientes e adecuados para garantir a seguridade dos
pacientes.
Para a completa utilización
do H. do Meixoeiro temos que establecer criterios de ingreso para pacientes de traumatoloxía, xeriatría, medicina interna,
rehabilitación, reumatoloxía, endocrinoloxía, oftalmoloxía e outros, así
como consolidar a Unidade de Coidados
Paliativos (co 100% das camas situadas en habitacións individuais), co
obxectivo de manter 422 camas activas. Esta especialización determina a
necesidade de manter unidades de
diagnóstico por imaxe e laboratorio.
A plena utilización do Hospital do Meixoeiro e vital para o futuro da
sanidade pública da nosa Área sanitaria.
O Meixoeiro tamén existe! Defendendo ao Meixoeiro estamos defendendo á
Sanidade Pública!
Ningún comentario:
Publicar un comentario