1 de xuño de 2016

LABORAL

“EMPREGO EN TELEFÓNICA NA GALIZA”  


 A sección sindical da CIG na Telefónica vén desenvolvendo unha intensa actividade sindical dentro da empresa Telefónica de España, S.A.U., “Operadora Dominante” en Galiza e no Estado español -hoxe denominada “Operador con Poder Significativo no Mercado”. Agora inicia unha campaña de mobilizacións para reclamar o mantemento do emprego.  

O novo modelo de relación laboral é un novo modelo de distribución de cadro de persoal 
 Logo de destruír 55.000 empregos entre 1993 e 2013, en 2016 avanza decididamente o novo período no que a a súa prioridade é a transformación radical do Contrato Colectivo de Emprego en Telefónica; a máis da redución de emprego (nova redución neta de 6500 empregos no Plan de Adecuación de Cadro de Persoal 2015-2017), a empresa ven impoñendo novas condicións laborais e salariais, con medidas de flexibilización interna e externalización da produción do servizo de telecomunicacións, recollidas no Convenio de Empresas Vinculadas-CEV (Telefónica de España, S.A.U.; Telefónica Móviles, S.A.U. e Telefónica Soluciones-TSOL.  

 Esa nova política de xestión de recursos humanos inclúe a redistribución do cadro de persoal e unha nova organización do traballo que exclúe a Galiza do emprego de calidade e a produción de servizos avanzados de telecomunicacións. Unha afirmación fundada nas decisións tomadas e executadas sen interlocución sindical na Galiza, sen dar explicacións, pero que son moi explícitas da súa vontade e estratexia.  

 Empezou a acelerarse en 2011-13 coa aplicación do último ERE. que reduciu un 32 % do cadro de persoal na Galiza, pese a que o plan social comprometía a reposición do 7% das baixas, incumprido na Galiza con 0 % reposicións; seguiu nese mesmo ano 2011 coa liquidación do Territorio Galiza-Asturias, con capital na Coruña e a implantación do “Territorio Norte”, trasladando a capital a Bilbo; en outono de 2012, degradase de categoría Pontevedra e A Coruña a Tipo III, como Ourense e Lugo, esta última xa con menos de 100 traballadores/as. Hai catro tipoloxías internas, decisivas para a organización e a distribución do traballo, conforme ao número de empregos: provincias especiais -Madrid e Barcelona- e provincias Tipo I, II e III.  

 A novembro de 2015, as empresas do grupo Telefónica integradas no CEV (fixa e móbil) tiñan na Galiza 1240 traballadores/as, aproximadamente, o 4.56 % do persoal no estado, 27.170; porén, unha proporción adecuada ao peso da poboación da nosa nación no conxunto do Estado Español sería sobre o 7 %, 1902, ou o que é o mesmo: nesa data xa arrastrabamos un déficit de plantel de 662 traballadores/as na Galiza; a situación empeorou, xa que en xuño de 2014 a nosa estimación era dun déficit de 472 traballadores/as. 

 Mesmo con criterios “a priori” desfavorábeis ao peso económico do noso país, o PIB, o plantel xa é deficitario hoxe, momento no que se intensifica o enterramento definitivo das expectativas de emprego cualificado nas telecomunicacións na Galiza.  

Concentración e Centralización 
 Porque o certo é que a “transformación” en curso leva a un modelo de xestión empresarial que inclúe a concentración e centralización do cadro de persoal nos dous pivotes “especiais” (Madrid e Barcelona) e nas outras tres capitais territoriais: Bilbo, Valencia e Sevilla. Será nestas cinco cidades onde se reúna cadro de persoal suficiente para constituír unidades capaces de acometer actividades complexas e organismos de dirección propiamente ditos, deixando polo resto das “provincias” do estado presenza testemuñal de persoal propio.  

 A proba do nove: o cadro de persoal de Telefónica Móviles na Galiza era en novembro de 2015 de aproximadamente 70 persoas, sobre un total de 4.000 no Estado español, o 1.5 % do total (¡!); como é público e notorio, todo o proceso de “transformación” da relación laboral e da organización interna da Empresa ten como obxectivo inmediato, a curto prazo, a “converxencia” de servizos, planteis e empresas Fixo-Móvil. 

 Velaí o contido real do “mercado único”, promovido polo Sr. Alierta, presidente do Consello Empresarial da Competitividade: todos somos iguais, pero uns máis ca outros, uns pagamos as facturas de servizos xerados por outros, poñendo en marcha un sistema de extracción de rendas da periferia cara o centro propio de sistemas neocoloniais. A localización do emprego cualificado tamén é un potente mecanismo de redistribución de rendas. 

Recentralización: 
 Ao tempo, un sistema de xestión coa cabeza “decisora” situada noutros centros económicos conduce necesariamente a un descoñecemento da realidade económica e mesmo física do país, que devén inevitabelmente nunha redución da cantidade e da calidade do servizo. Ao pouco tempo, nun proceso historicamente coñecido no noso país, o que se presenta como causa, o falso motivo da “pobreza” do mercado local, acaba converténdose nun resultado moi real: tera como efecto ampliar o atraso económico e tecnolóxico. Coma noutras épocas; a comparación que fai o noso sindicato entre a denominación Territorio Norte da actual dirección e a de Territorio Noroeste propia do franquismo, non é unha brincadeira.   

 Recentralizar é devolver a nosa nación ao pasado, ao empobrecemento colectivo, a emigración dos/as máis capaces, para maior gloria das elites do centro, das que a Telefónica son o seu máis conspicuo representante: marcan camiño ao resto. 

 Se na actualidade non hai ameza expresa de desprazamento forzoso do actual cadro de persoal, é clara a ameaza de excluír do emprego de calidade nas telecomunicacións na Galiza ás futuras xeracións: só lles quedará a emigración ou o emprego precarizado e degradado das subcontratas.  

O papel das Administracións públicas 
 Temos que denunciar a hipocresía das administracións públicas, nomeadamente as galegas pero tamén as máis altas instancias do Estado, que contribúen con masivas subvencións a implantación de redes e servizos para negocios privados, pero con cuantiosos fondos públicos; atención a Lei Xeral de Telecomunicacións, 9/2014: “Disposición adicional decimocuarta. Coordinación de las ayudas públicas a la banda ancha y al desarrollo de la economía y empleo digitales y nuevos servicios digitales.” 

 Emprego, investimento e intervención pública no desenvolvemento económico, son tarefas e responsabilidades competencia do Goberno e do Parlamento Galego. 

 Por iso a nosa sección sindical, CIG-Telefónica, sigue e seguirá a loitar polo futuro do emprego na Telefónica na Galiza, e por extensión, polo emprego directo nos operadores de telecomunicacións na Galiza.  

 Concentración diante do Parlamento galego 
 O vindeiro xoves 9 de xuño, ás 11.00 horas levaremos a nosa reivindicación ao Parlamento galego, cunha concentración de delegados/as da central sindical ás portas do edificio, ao tempo que chamaremos de novo a atención dos grupos parlamentares das perspectivas do emprego nas telecomunicacións na Galiza, as expectativas inmediatas e o necesario control dos cuantiosos recursos dos orzamentos públicos entregados a empresas privadas que desprezan o país, o seu idioma e o seu desenvolvemento económico e tecnolóxico.   

 EXECUTIVA DA SECCIÓN SINDICAL NACIONAL DA CIG-TELEFÓNICA  

 Galiza, 01/06/2016

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario