21 de feb. de 2016

PONTEVEDRA

A nova Deputación reduce á metade as axudas económicas ao deporte federado e náutico e limita o número de clubs beneficiarios  

O voceiro Ángel Moldes critica que ata agora todos os clubs da provincia que se presentaban á convocatoria tiñan subvención, mentres que agora vai haber entidades que quedan fóra. 

Entende que “estamos, de novo, ante máis recortes e decisións improvisadas”.  

Ángel Moldes, voceiro do Grupo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

O grupo provincial do PP critica que as bases para deporte federado e náutico que acaba de aprobar a nova Deputación de Pontevedra reducen á metade o orzamento e limitan tamén á metade o número de clubs beneficiarios. Nesta liña, o voceiro Ángel Moldes recorda que ata o de agora todos os clubs da provincia que se presentaban á convocatoria tiñan o respaldo e subvención da Deputación de Pontevedra, e agora vai haber case 300 entidades que van quedar fóra.   

“Estamos, de novo, ante máis recortes e decisións improvisadas. O PP xa criticou no debate plenario os recortes en deportes, e advertimos de que as cantidades que reservaban eran insuficientes para dar resposta a toda a provincia. E agora estase vendo que nós tiñamos razón”, subliña.  

Deste xeito, para deporte federado, mentres en 2015 se repartiron 400.000 euros entre 500 entidades deportivas de todas as modalidades e de toda a provincia, para esta convocatoria destinan 300.000 e limitan en 270 o número de beneficiarios. No que respecta a deporte náutico, reducen a partida dos 400.000 euros que había dispoñibles en 2015 a 150.000 euros, e limitan o número de clubs a 30, cando o ano pasado beneficiáronse destas axudas máis do dobre.   

A xuízo do deputado popular esta situación crea unha total incerteza e inseguridade para os clubs. “Entidades que ata o de agora recibían subvencións da Deputación, agora non saben se van quedar dentro ou fóra deste reparto e, polo tanto, descoñecen cal vai ser o seu futuro máis inmediato. Non debemos esquecer que estas axudas supoñen unha porcentaxe moi importante dos ingresos que reciben cada ano”.  

Nesta liña, o voceiro dos populares pregunta que vai pasar coa outra metade de clubs que quedan fóra do reparto, e xa adianta que o bipartito terá que facer outra modificación de crédito como a que xa van presentar no próximo pleno provincial. Para Ángel Moldes, “esta modificación vén a demostrar que os nosos avisos eran fundados, e agora vénse na obriga, no mes de febreiro, de ampliar as partidas para patrocinio de campionatos deportivos e para convenios deportivos e outros”.   

 Recorda o deputado que tanto no debate plenario dos orzamentos como nas alegacións ao documento, o PP propuxo que se ampliasen as partidas para deportes. “Nese momento a súa prepotencia non lles permitiu apoiar as nosas propostas, e dous meses despois teñen que aumentar as partidas de deportes”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario