23 de feb. de 2016

A GUARDA

DEPORTES

BOAS SENSACIONS DE A GUARDA HOCKEY LIÑA NA SEGUNDA SEDE DA LIGA GALEGA



Miguel Fernández Lomba / A Guarda

 En plena polémica pola falla de instalacións deportivas na Guarda e tralo peche por motivos de seguridade do vetusto pavillón Antonino Torrón, do Colexio As Solanas, habitual lugar de adestramento do equipo, os infantís e as féminas do clube guardés disputaron a segunda Sede da Liga Galega de Hockey Liña. 

 Esta sede celebrouse o pasado domingo día 21 de febreiro no pavillón Daniel Cordido de Lugo. A pesares de non poder adestrar nas datas previas, o equipo da Guarda deixou boas sensacións e momentos de bo xogo a pesares da maior entidade dos equipos rivais. No primeiro partido da categoría infantil ós nenos e nenas da Guarda costoulles entrar no partido e iso propiciou que encaixasen varios goles no comezo do partido que os enfrontaba o CHL Meigas de Lugo. Pouco a pouco acadaron un mellor xogo que non evitou que caisen por un abultado 10-2. 

 O segundo encontro enfrontaba ós da Guarda contra os tamén lucenses Lóstregos Norte, equipo de maior idade e experiencia que non deu tregua despregando un moi bo xogo. A pesares disto as/os nenas/os de A Guarda Hockey Liña non perderon as gañas e disputaron duramente cada posesión para rematar perdendo por 0-12. 

 Como peche da xornada o derradeiro encontro xogouse contra os Peque Lóstregos, equipo formado polos benxamíns do Lóstregos HL, e no que os máis pequenos do equipo guardés contaron con máis minutos. A diferenza de nivel e potencial en esta ocasión era evidente a favor dos da Guarda que venceron o partido por un resultado de 11-3. 

 Xa na tardiña foi o turno do equipo feminino. Compre recordar que, coma na pasada campaña, as rapazas de A Guarda Hockey Liña xogan esta competición galega coas fichaxes de cinco mozas da Coruña pertencentes ó clube Brigantium HL. Enfrontábanse ó CHL Meigas, xunto co Lóstregos HL un dos referentes do Hockey Liña galego, e a priori favorito para acadar a victoria. As da Guarda amosaron gañas dende o primeiro minuto e non lle perderon a cara o partido en ningún momento, destacando a boa actuación de Ana González, porteira do equipo guardés que atallou  en múltiples ocasións os potentes tiros exteriores das lucenses. Ó remate do encontro o resultado foi de 3-1 a favor do CHL Meigas, marcador moi ben valorado polo corpo técnico de A Guarda Hockey Liña e que pode ser moi importante de cara o gol average ó remate da Liga. 


 Engadir que entre o numeroso público asistente no pavillón da cidade das murallas foron visibles durante toda a xornada pancartas solidarizándose co clube da Guarda nas súas peticións para acadar instalacións deportivas dignas. 

 Podedes atopar unha extensa reportaxe fotográfica no noso espazo en Facebook.

Ningún comentario:

Publicar un comentario