O BNG presenta unha moción para a promoción da figura de Rosalía de Castro na Guarda
O BNG bota de menos unha axenda de actividades sobre Rosalía de Castro en febreiro, despois do acordo plenario de 2015
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para a promoción da figura de Rosalía de Castro así como a súa defensa do galego.
“O BNG - relembrou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda - leva anos presentando no primeiro pleno do ano unha moción para a promoción da figura da escritora galega máis universal. Mais cando o ano pasado parecía que por fin o goberno local do PSOE decidíase a pór en valor a figura da nosa poetisa apoiando a moción do BNG, apreciamos que quedou nun mero xesto electoralista do anterior Concelleiro de Cultura, hoxe Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, posto que nin nos orzamentos para este ano, nin na axenda cultural apreciamos que se teña en conta esta data como si se fan con outra celebracións”.
Baz Vicente afirma igoalmente: “Ante a falta de interese amosado polo grupo de goberno do PSOE, o BNG vese na obriga de volver presentar unha moción para que dende a Alcaldía e a concellaría de cultural se realicen actividades de cara ao coñecemento da figura de Rosalía e a súa obra. Así mesmo dar apoio a aquelas institucións ou asociacións que promovan estas actividades”.
“A Guarda aínda non coñece a proposta do goberno para homenaxear a Rosalía durante febreiro. Lembrarlle ao alcalde que hai un acordo plenario de 2015 que declara na Guarda o 24 de febreiro día de Rosalía de Castro”, comentou Ángel Luis Baz.
O acordo tamén solicita á Xunta de Galicia unha mudanza na política lingüística desenvolvida até o momento, activando políticas lingüísticas a prol do galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario