25 de xan. de 2016

DEPORTES

PIRAGÜISMO

DESTACADA ACTUACIÓN DO CLUB DEPORTIVO MIÑO - OS TEIXUGOS, NA VII TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

O Club Deportivo Miño, rematou con cinco medallas de ouro

Na imaxe, á representación dos piragüistas do Club Deportivo Miño - Os Teixugos
Foto: Rosa Fernández Carrera

Rosa Fernández Carrera / Vila Nova de Cerveira

 A pasada fin de semana tivo lugar en Azenha de Pagade, na freguesía lusa de Covas (Vila Nova de Cerveira), a VII Taça Ibérica de Slálom, coa que se abriu a tempada de piragüismo na modalidade de augas bravas, tanto a nivel autonómico galego como nacional portugués. Nesta xornada de convivencia participaron  os clubs galegos e portugueses máis importantes. 

 Durante a tarde do sábado celebráronse as eliminatorias, cun circuíto difícil e de moi alto nivel, polo que moitos deportistas xa quedaron eliminados de finais ao non superar o tempo de corte. 

 Ao longo da mañá do domingo tiveron lugar as finais, cos seguintes gañadores: Na modalidade de kaiak ou k1 Infantil masculino, Eduardo Teixeira do ADA de Amarante; en Cadete, Jorge Quintáns, do Club Sensiras de Dumbría; en Júnior,  Manuel Ochoa, dos Teixugos; en Sénior, Ivan Silva, do Augas Bravas Club de Amarante; e en Veterano Aaron Rey, do Club Sensiras de Dumbría. 

 Na modalidade de kaiak ou k1 Feminino: en Infantil, Ariadna Pereira, dos Teixugos; en Cadete Ainhoa Lameiro, do C.P. Penedo de Caldelas; e en Sénior Andrea González, dos Teixugos. 

 Na modalidade de canoa ou C1 masculino: en Infantil, Borja Martinez, do CP Penedo de Tui; en Cadete, Miguel Olaya, do CP Penedo;  en Júnior, Brais Castro, dos Teixugos; e en Sénior José Carvalho, do ADA Amarante. 

 E finalmente, na modalidade de canoa ou C1 feminino: en Infantil, Ariadna Pereira, dos Teixugos; en Cadete, Ainhoa Lameiro, do CP Penedo de Caldelas; e en C1 Sénior Lara Silva, do Augas Bravas Club de Amarante. 

 A vista dos resultados as cousas non puideron ir mellor para Os Teixugos. O Club Deportivo Miño, rematou con cinco medallas de ouro. Curiosamente, non acadou ningunha de prata ou de bronce. Na clasificación final por clubs quedou en primeiro lugar o Augas Bravas Club de Amarante, segundo o Club Deportivo Miño-Teixugos, e terceiros o CP Penedo de Caldelas. 

 Destacar destas dúas xornadas o elevado nivel dos deportistas participantes e a impecable organización da mesma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario