A Cabeciña de Mougás celebra a súa primeira festa da
Cervexa Artesá
Por motivos técnicos, o evento terá lugar o día 6 de xuño
Por motivos técnicos, o evento terá lugar o día 6 de xuño
O conxunto da Cabeciña cos petróglifos en primeiro plano e o castro ao fondo
Foto: proxectomougas.net/
Infogauda / Oia
Ainda que estaba prevista para o sábado día 16 de maio, como oportunamente habíamos informado; por motivos técnicos a Festa da Cervexa da Cabeciña na que se probarán cinco tipos de
cervexas creadas polos cervexeiros de La Micro, de Baiona, terá lugar o día 6 de xuño, segundo nos comunicou Xosé Gago, membro da organización do evento. Será unha festa
familiar con música e actividades para pasar unha xornada agradable ao aire
libre. O obxectivo é o de escoller a cervexa que máis guste para comercializala
coa marca A Cabeciña.
Dentro do
programa de actividades culturais do Proxecto Mougás, o vindeiro sábado 6 de xuño terá lugar a I Festa da Cervexa Artesá da Cabeciña. O evento terá lugar
durante o día, a partires das 12:30 no complexo arqueolóxico da Cabeciña.
“Trátase de dinamizar o enclave da Cabeciña, dotalo de novos significados e que
os veciños o sintan como seu” comenta Venancio Miniño, Presidente da Comunidade
de Montes de Mougás.
O obxectivo
principal da xornada é o de probar cinco estilos de cervexa diferentes
elaborados polos cervexeiros de La Micro, en Baiona. Destas cinco cervexas sairá
unha elixida que levará A Cabeciña como marca e será comercializada.
Para que todo o
mundo poida probar todas as cervexas, estas terán un prezo moi popular, de
0´50€ cada caña. “O valor real destas cañas andaría polos 2´50€, pero faise un
esforzo para achegar a cervexa artesá a todo o mundo e que poidan opinar” sinala Xosé Gago, coordinador de Proxecto Mougás.
O evento está
pensado tanto para xente da zona como para xente que se desprace. “É unha
ocasión única para pasar unha fin de semana na zona e coñecer o entorno”,
sinalan. Oia e Mougás ofrece alternativas de aloxamento para a xente que queira
quedar: dous cámping, un albergue, casas rurais, etc.
Unha vez
escollida a cervexa e comercializada, a estratexia pretende crear unha marca
arredor do xacemento arqueolóxico da Cabeciña, e que se empece a coñecer o
recurso en distintos lugares. Na etiqueta faranse referencias ao xacemento ou
incluirase un código QR para que a xente poida ampliar información.
“Non se trata de
facer un botellón na Cabeciña” sinalan da organización, senón de pasar un día
agradable ao aire libre. Ademais das cervexas haberá unha serie de actividades
que amenicen a xornada. Haberá actuacións musicais, visitas guiadas,
demostracións de cerámica con técnicas antigas ademais de postos de comida e
artesanía e outras sorpresas.
“Aínda non temos
pechados horarios, pero haberá moita actividade. A xente poderá chegar ás 12:30
quedar a comer e pasar a tarde sen aburrirse. En breve sacaremos o cartel
definitivo”, sinalan da organización.
As cervexas
Os irmáns Andrés
e Roberto da cervexeira Trisk-Ale, de Nigrán, foron os encargados de elaborar as
cinco cervexas que se van degustar. “Elaboramos cinco tipos de cervexa, en
cinco estilos diferentes para poder elixir a definitiva. Estamos moi contentos
co resultado”, sinalan.
Estes dous
irmáns emprendedores, fundaron a cervexeira Trisk-Ale e o pub La Micro, no
mercado de Baiona onde se poden degustar as súas cervexas e outras artesás de
todo o mundo.
A súa cervexa
Summer Papa, xa está entre os clásicos da cervexa artesá galega e tamén é
distribuída con gran éxito noutras partes de España. O seu traballo é sinónimo
de calidade, tanto nas cinco probas que se farán o sábado 16 como na cervexa
definitiva.
Os estilos de
cervexa propostos para as probas son unha Pale Belga, dúas Pale Ale de carácter
máis inglés, unha Red IPA de corte americano e por último unha StrongScottish
Ale. Esta última é unha cervexa de carácter moi especial, máis sofisticada e
con maior graduación alcólica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario