3 de feb. de 2015

A GUARDA

O BNG CONSEGUE LEVAR ADIANTE A SÚA PROPOSTA DE HOMENAXEAR A FIGURA DE ROSALÍA DURANTE O MES DE FEBREIRO   

 
 A pesares das reticencias mostradas nos últimos anos polo grupo de goberno, o pleno da Guarda aprobou a moción do BNG para reivindicar a data do nacemento de Rosalía de Castro e promover o coñecemento da súa obra e o seu papel fundamental na defensa do galego.   

 Seguindo as directrices dunha convocatoria xa consolidada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega o BNG fixo a súa proposta para que A Guarda emprenda e apoie a realización de actividades diversas de promoción da obra da nosa escritora que impliquen a veciñanza do noso concello ao longo do mes de febreiro.    

 A proposta aprobada polo pleno da Guarda inclúe realizar lecturas públicas da obra rosaliana en lugares destacados do concello, desenvolver unha serie de actividades para promover o coñecemento da obra rosaliana a través da música, o teatro, a literatura ou a danza, así como seminarios, mesas redondas e/ou conferencias sobre a súa obra e figura.    

 O grupo nacionalista destaca que, despois de catro anos facendo a mesma proposta, por fin o responsable da Concellería de Cultura, e agora candidato do PSOE na Guarda, non obvie na axenda cultural ao máximo expoñente da nosa cultura.  

 “Semella que o feito de ser o novo candidato do PSOE na Guarda está a axudar ao concelleiro de cultura a vencer as súas reticencias a ter en conta á escritora galega máis universal, aínda que segue a ser inaceptábel que sexa, un ano máis, o BNG quen lle teña que lembrar a relevancia de Rosalía na nosa cultura.” comenta Hortensia García, concelleira do BNG.
(R.)

Nota da redacción de Infogauda:

 Os efectos oportunos, queremos informar os nosos lectores que do mesmo xeito que onte publicamos íntegramente o comunicado que nos remesara o BNG de A Guarda, queremos deixar constancia que a mesma organización política ven de facernos chegar á nota de prensa que reproducimos íntegramente, e na que ademáis se nos participa o seguinte: 

 Dende o BNG da Guarda lamentamos o erro cometido e queremos achegar as nosas desculpas por errarnos e enviar no día de onte unha nota de prensa enviada xa o ano pasado no tocante á moción de Rosalía de Castro. 
Así pois enviamos agora a achega informativa actualizada. 

 Desculpen as molestias, reciban un cordial saúdo.

 BNG

Ningún comentario:

Publicar un comentario