BALONMÁN FEMININO
O Guardés busca a clasificación a cuartos da EHF European Cup este sábado en Sicilia
• O equipo visita este sábado (18.00 horas) ao Handball Erice para disputar o encontro definitivo da eliminatoria Last 16 da competición europea. Será retransmitido en directo pola G2 e haberá unha pantalla grande na Sangriña para vivilo coa afección
• O Mecalia chega cunha renda de 3 goles ao seu favor do partido de ida, da que intentará valerse para reducir erros e certificar a súa clasificación a cuartos
• A convocatoria inclúe 13 xogadoras, continuando as baixas de Ari Portillo e Nerea Gil, que viaxaron toda esta noite para chegar a Sicilia ao mediodía deste venres
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés continúa co soño europeo. O equipo baixomiñoto viaxou esta noite a Sicilia, onde mañá xogará na pista do Handball Erice o partido de volta da eliminatoria Last 16 (18.00 horas), ao que chega cunha vantaxe de tres goles conseguida o pasado sábado na Sangriña (25-22). Buscando corrixir erros e impoñerse ante un anfitrión capaz de poñer as cousas moi difíciles, o conxunto mobiliza unha convocatoria de 13 xogadoras na que seguen a notarse as baixas de Ariana Portillo e Nerea Gil.
O Guardés chega tratando de comezar de cero. As de Ana Seabra volveron tropezar este mércores na Liga Guerreras, asinando un partido cheo de erros non forzados na Sangriña que rematou con dous puntos para o Grafometal La Rioja (20-22). Os nervios e o cansazo inevitable que implica o seu ocupado calendario deixaron pegada nun plantel que non puido ofrecer a súa mellor versión, pero que está decidida a resarcirse e volver concentrar enerxías para recuperar o xogo atento ao que nos ten afeitos esta tempada.
No que se refire á competición europea, o Mecalia deixou en cambio actuacións moito máis memorables no partido de ida, disputado xusto unha semana atrás tamén na Sangriña. Un ataque agresivo e moi ben coordinado, así como unha defensa atenta tanto en pista coma baixo paus, permitiron ás guardesas despexar toda dúbida sobre a súa superioridade á volta do descanso, iniciando a segunda parte cun parcial 6-0 que lle serviu de colchón para lograr a renda final (25-22). Mañá, entón, tratarase de recuperar as boas sensacións e saír a xogar co marcador a cero en mente para non confiarse ante un anfitrión que pode facerse moi forte na casa.
A comitiva guardesa comezou a súa viaxe esta madrugada, saíndo despois das 3 da mañá en autobús cara ao Porto, onde iniciaría un itinerario de dous voos e máis de oito horas para chegar a Palermo a primeira hora da tarde deste venres. En Sicilia celebrarán un derradeiro adestramento antes do partido tamén hoxe no Pala Cardella, mentres mañá pola mañá descansarán cun paseo pola zona. En total, numerosas horas de desprazamentos e moita esixencia física que será vital ter en conta para certificar a clasificación. Especialmente, tendo en conta que o de mañá será un plantel curto, con 13 xogadoras, ao sufrir aínda as baixas de Nerea Gil e Ariana Portillo, as que seguen pendente de valoracións médicas. O equipo xa notou este mércores a ausencia de Cecilia Cacheda, que quedou no banco para descansar e quen mañá estará dispoñible, polo que deberá facer un grande traballo de rotacións para repartir esforzos.
Pola súa parte, as galegas xa coñecen a dureza do rival ao que se miden. O Erice deixou o pasado sábado unha impresión importante na Sangriña, cun ataque moi potente dividido entre as aportacións de Dagui Assana, Alexandra do Nascimento e Delphine Ahanda, e completado por unha portería forte a mans de Ivana Kapitanovic. As italianas demostraron unha grande capacidade para controlar o xogo e limitar as remontadas tan características do Guardés, polo que mañá tratarán de potenciala valéndose do factor cancha. O equipo baixomiñoto sabe que tres goles que escalar non son abondo para confiarse, e tomarase este encontro igual ca todos: coma unha final decisiva na que só importan os 60 minutos presentes.
Ana Seabra: “Sabemos que é unha final que, malia a nosa pequena vantaxe, comezará cun marcador 0-0”
Para a adestradora do Guardés, Ana Seabra, o duelo deste sábado é “unha final que, malia a nosa pequena vantaxe, comezará cun marcador 0-0”. A preparación foi moi seria e esixente, pois segundo a técnica, “somos conscientes de que temos que traballar moi ben para seguir nesta competición”, aínda que a ilusión tamén pesa: “Obviamente, é un partido que nos motiva e nos emociona moito”.
Sobre o Erice, Seabra prevé que mañá logre converter o Pala Cardella “nunha pista difícil”, pois “xa demostrou a súa calidade” no partido de ida na Sangriña. A adestradora tamén espera que as súas sexan “máis competentes ca no último partido”, e ve este sábado coma unha oportunidade para resarcirse e recuperar o bo ritmo de xogo. En definitiva, os seus desexos están claros: “Ogallá sexa outra grande experiencia deportiva para todos e remate con final feliz”.
AXENDA
EHF European Cup | Last 16 - Volta
Handball Erice SSD ARL – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 24 de xaneiro | 18.00 horas | Pala Cardella, Casa Santa (Erice)
Retransmitido en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia
E pola web de TV pública de Galicia:

Ningún comentario:
Publicar un comentario