23 de xan. de 2026

TOMIÑO

A Xunta de Galicia salienta o traballo do torneiro Aitor Martínez como referente da excelencia da artesanía galega contemporánea con raíces no territorio 

 José González puxo de manifesto o papel do sector como motor de desenvolvemento, con especial peso en Pontevedra con 250 obradoiros rexistrados, amosando o potencial dos oficios tradicionais combinados con innovación e a creatividade


O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o obradoiro do artesán Aitor Martínez
Fotos: X.G.



Infogauda / Tomiño

 O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o obradoiro do artesán Aitor Martínez, especializado na tornería de madeira e recentemente galardoado co Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto pola súa colección Mundos.  

 Durante a visita, José González puxo en valor a aposta estratéxica do Goberno galego pola artesanía, cun orzamento próximo ao millón de euros destinado á súa dinamización en 2026, e destacou o papel fundamental deste obradoiro —adherido ao selo Artesanía de Galicia e un dos arredor de 250 existentes na provincia de Pontevedra— na promoción da artesanía galega e na posta en valor dos oficios tradicionais. Neste senso, subliñou a capacidade do proxecto para fusionar técnicas tradicionais de tornería coa escultura en madeira verde.  

 O conselleiro salientou tamén que Aitor Martínez representa un novo perfil de artesán que parte do oficio tradicional —neste caso, a carpintería— e aposta por unha sólida formación especializada. Así, atopou no torneado da madeira un camiño para investigar coa materia viva e explorar novas linguaxes escultóricas. Proba diso é que en 2022 se converteu no primeiro español en acceder a unha das sete prazas da prestixiosa École Escoulen, en Aiguines (Francia), dirixida por Yan Marot, unha das principais referencias europeas neste ámbito. Así mesmo, destacou a súa aposta polos materiais autóctonos e pola trazabilidade, como exemplo dun emprendemento artesanal vencellado ao territorio. O conselleiro agradeceu tamén a implicación do artesán —finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2024 pola peza JU— en distintas accións de promoción impulsadas pola Fundación Artesanía de Galicia, como o Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia (Agolada), as IV xornadas Artesanía no Prato ou os XXV Encontros Internacionais de Madeira Torneada de Xermade.  

 Segundo sinalou José González, visitas coma esta permiten coñecer proxectos artesáns exemplares e poñer de manifesto o papel da artesanía como motor de desenvolvemento económico no territorio, amosando o potencial dos oficios tradicionais cando se combinan con innovación e creatividade, así como que Galicia, desde o rural, é un espazo fértil para o emprendemento con identidade local e proxección internacional.  

Pulo ao sector artesán 

 A artesanía é un sector prioritario non só desde o punto de vista patrimonial e cultural, senón tamén como fonte de emprego e emprendemento, clave para fixar poboación e dinamizar o territorio. Neste contexto, é clave o labor da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia como selo de identidade e garantía de calidade.  

 No marco do Plan Estratéxico do Comercio 2025–2030, a Xunta dispón dunha batería de accións, entre elas as axudas para a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesanal, actualmente abertas cun orzamento de 4 millóns de euros. De cara a 2026, continuarase avanzando no proxecto Artesanía no Prato, iniciativa pioneira en España pola que a Fundación Artesanía de Galicia foi recoñecida co recente Premio Nacional de Artesanía na categoría Promociona para Entidades Públicas, así como noutras cuestións estratéxicas neste eido, como o reforzo dos programas de formación e transmisión do saber artesanal, como Aprender da tradición. Oficios e técnicas, ou no desenvolvemento das futuras bolsas para aprendices asociadas ao programa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario