ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira, atleta do Vicky Foods Athletics, conseguiu a medalla de bronce, coa selección galega sub20 masculina
• No Campionato de España de Federacións Autonómicas de campo a través
Redacción Deportes / A Guarda
Almodóvar del Río (Córdoba) acolleu o domingo 25 de xaneiro de 2026 a segunda xornada do Campionato de España de Federacións Autonómicas para as categorías sub20, sub23 e absolutas, nun espectacular escenario con moitísimo barro e auga, onde máis dun atleta perdeu as zapatillas de cravos durante toda a xornada matinal.
A proba sub20 foi de moitísimo nivel e voltaxe, coa presenza de cinco atletas que foran convocados coa Federación Española e participaron no Mundial de Cros en semanas anteriores, celebrado en Tallahassee, capital do estado de Florida, nos Estados Unidos.
Álex Sierpes Pereira, atleta formado na Sociedade Atlética do Trega e que ademais comparte adestramentos no grupo do club, ás ordes de Javier Sierpes e Patricia Pereira, logrou unha meritoria novena posición, entrando en meta xunto ao seu compañeiro de selección Asheber Díaz e pechando a puntuación para Galicia. O equipo galego sumou un total de 22 puntos, o que lle deu a medalla de bronce por equipos.
Tanto o atleta como os seus técnicos, ao finalizar a proba, realizaron unha análise positiva, destacando que se cumpriron os obxectivos ao lograr un posto na elite dos dez mellores, sendo atleta novel na categoría e adaptándose á mesma, ademais de estar enfermo días antes da competición.
A clasificación por seleccións deixou a Cataluña no primeiro lugar, Madrid en segunda posición e Galicia no terceiro posto.
Os compañeiros de selección e súas respectivas clasificacións por orde de chegada á liña de meta, foron os seguintes: Iker Fernández Codesido, 5º; Asheber Díaz Fernández, 8º, entrando co mesmo tempo que Álex Sierpes Pereira, 9º; Teo de Frutos Rodríguez, 22º; e Anxo Bello Rodríguez, (DNF), acrónimo de Did Not Finish, que significa que non logrou rematar á proba.
Moitas felicidades!

Ningún comentario:
Publicar un comentario