A Comunidade de Montes de A Guarda convoca a tódalas persoas comuneiras a súa Asemblea Xeral Ordinaria do 7 de febreiro
Infogauda / A Guarda
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC) de A Guarda celebrará o vindeiro sábado 7 de febreiro de 2026 a súa Asemblea Xeral Ordinaria, que terá lugar na sede da rúa Calvario, 44, ás 14:00 horas en primeira convocatoria e ás 16:00 horas en segunda e última convocatoria.
Tras ano e medio da nova xestión, a xunta reitora dará conta á asemblea do estado da débeda herdada dos últimos dez anos, que superaba os 60.000 euros, así como das medidas adoptadas para recuperar a estabilidade económica da Comunidade.
No relativo á xestión dos montes Trega e Torroso, a asemblea abordará unha cuestión que motivou a interposición de denuncias ante diferentes organismos (Garda Civil, Consellería de comercio, Medio Rural e Concello de A Guarda) na pasada edición das Festas do Monte Santa Trega: a instalación de postos de venda ambulante sen autorización municipal nin permiso da Comunidade, que, levará este ano ao establecemento de tarifas e condicións claras para a instalación destes postos na edición de 2026.
Así mesmo, someterase a debate a reserva anticipada de espazos para o xantar do Domingo do Monte, que na pasada edición chegou a realizarse con ata 15 días de antelación, xerando polémica por ofrecer unha imaxe pouco acorde coa dun Ben de Interese Cultural (BIC) coincidindo coa época de maior afluencia turística. A asemblea tomará unha decisión ao respecto de cara á edición deste ano.
Este tipo de decisións, que afectan ao conxunto da cidadanía, poñen de manifesto a importancia de que a veciñanza se implique activamente na xestión diaria do monte veciñal. Desde a Comunidade de Montes de A Guarda anímase a todas aquelas persoas interesadas a contactar coa entidade para participar na xestión comunal do monte e formar parte da toma de decisións, do mesmo xeito que xa fixeron moitos persoas veciñas da Guarda, que ven con ilusión e compromiso a nova liña de traballo emprendida nos últimos meses.


Ningún comentario:
Publicar un comentario