22 de xan. de 2026

A GUARDA

FUXIDOS

Memorias de un republicano gallego perseguido por el franquismo

1976-2026: Cincuenta anos da publicación dese libro de Juan Noya Gil

Portada de Fuxidos. Memorias de un republicano gallego perseguido por el franquismo, de Juan Noya Gil


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Neste 2026 cumpliranse 50 anos da publicación do libro FUXIDOS. Memorias de un republicano gallego perseguido por el franquismo, de Juan Noya Gil.
 
 O devandito libro - con texto en castelán - foi publicado (1ª edición) en 1976 en Caracas (Venezuela) por Casuz Editores.

 Ten 423 páxinas e 22 cm de lonxitude x 12 cm de ancho.

 A portada é da autoría do artista Eugenio Fernández Granell (A Coruña, 1912 - Madrid, Pontevedra, 2001).  

 O libro conta con limiar da autoría do escritor e poeta Celso Emilio Ferreiro, amigo da familia Noya, que naquela altura residía - desde 1966 - en Caracas, onde exerceu de activista cultural na Hermandad Gallega de Caracas (sic), fundou o Padroado da Cultura Galega e traballou no gabinete do presidente Rafael Caldera. 


Portada da edición en galego de Fuxidos. Memorias dun republicano galego perseguido polo franquismo


 Posteriormente, o 30 de agosto de 1996, Edicións Xerais de Galicia, S.A., de Vigo, publicou unha edición en galego, cuxa tradición estivo ao coidado de José Manuel García Crego.
 
 Nesa edición - incluída na colección Crónica -, o libro ten as seguintes dimensións: Alto: 21.0 cm; Ancho: 13.0 cm.  

 Cunha encadernación rústica con solapas, conta con 360 páxinas. Na portada leva unha fotografía da casa da familia Domínguez Trigo, de Miranxe -  Novás (O Rosal), onde Juan Noya estivo agochado preto de tres anos, despois de haber estado escondido - nun primeiro intre - na Casa Alta, propiedade do empresario guardés Alcides Alonso Sobrino, e posteriormente nunha vivenda en Salcidos.

 Perseguido polo franquismo, Juan Noya tivo que deixar a casa de Miranxe. para fuxir ata Figueiró (Tomiño), onde estivo agochado na vivenda de Isaura Gómez Pérez, viuva de Francisco Rodríguez Otero, o cal en data 4 de outubro de 1936 foi sacado da prisión de Tui e levado polos falanxistas ata Mondariz onde foi “paseado”, aparecendo seu corpo tirado na cuneta.

 En síntese, tal e como indica Edicións Xerais no resumo do libro, a publicación reflicte "a vida de Juan Noya Gil (1900-1989) que el mesmo describe en Fuxidos, é unha fiel representación do acontecer do século na vila da Guarda. Dende moi novo participa en tertulias, cadros de declamación, e dedica unha parte do seu tempo á práctica do fútbol, unha das súas paixóns, froito da cal é a construcción do Estadio Troncoso da súa vila natal. Colaborador do semanario Heraldo Guardés, á morte do seu propietario, funda e dirixe Nuevo Heraldo, que será portavoz do ideario agrarista, das propostas municipais máis progresistas e publicita do Estatuto de Galicia. Á chegada da república forma parte da Comisión Xestora municipal e no momento da sublevación é tenente alcalde da súa vila. Perseguido polo falanxismo, escóndese en casas amigas, escapando a unha morte certa, como lle ocorreu ó seu irmán Manuel e a tantos outros. Sometido a Consello de Guerra é condenado a cinco anos de cadea, dos que cumpre dous anos en Vigo e Pontevedra. Fuxidos, publicado en 1976 en Venezuela, é en palabras de Xesús Alonso Montero, prologuista desta 2ª edición, publicada en lingua galega dentro da colección Crónica de Xerais, «é un libro escrito e protagonizado por un republicano de razón e corazón. Un libro que debuxa o mapa da miseria espiritual da vila da Guarda en xullo de 1936, tecido no que Juan Noya, mercé a algunhas fermosas solidariedades e a algún golpe de sorte, sobrevive como un fuxido»".

  Procedentes de Caracas (Venezuela), cada vez que algún fillo ou neto de Juan Noya Gil viña pasar súas vacacións na vila de A Guarda, traían consigo - coma equipaxe de man - varios exemplares de FUXIDOS. Memorias de un republicano gallego perseguido por el franquismo. Dese xeito, os libros chegaban ata a Atalaya. La Casa de los Noya, no barrio do Muro (A Guarda). E desde o fogar guardés dos Noya, os libros ían ás mesas de exposición-venda co gallo do Día das Letras Galegas, que organizaban membros da Agrupación Cultural Guardesa, e tamén ao local da Unión Sindical Comarcal de Comisións Obreiras do Baixo Miño, especialmente na que fora súa sede na rúa Manuel Lomba, nº 11 (Galerías Riveira), na vila de A Guarda. Dese xeito, Fuxidos chegou as mans dos traballadores de toda á comarca do Baixo Miño, que puideron coñecer non soio a biografía do deportista, emprendedor e político Juan Noya Gil, senón moitos dos feitos que aconteceron nesta contorna, logo da insurrección dos franquistas contra o lexítimo Goberno da IIª República.

 Ao cumplirse neste 2026 o 50 aniversario da publicación de Fuxidos, queremos deixar constancia dese feito, fundamentalmente para instar a unha reflexión: a democracia, a liberdade e a paz, non foron un agasallo. 

 Para que lográsemos vivir en democracia, moitas persoas ofreceron os máis altos sacrificios. Coidemos, pois, ese ben colectivo e impagable que é vivir en paz e en liberdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario