28 de nov. de 2014

GUILLAREI (TUI)

CONMEMORACIÓN DOS SUCESOS DE SOBREDO
 Organizados polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo - IEAMSO, o vindeiro domingo día 30, terán lugar os actos de conmemoración dos sucesos de Sobredo, no seu 92 aniversario. 


 Desenvolveranse en Sobredo (Guillarei – Tui) este domingo, día 30 de novembro do 2014, a partir das 10:30 horas da mañá.
 Neste ano contase coa colaboración de María Pilar García Negro, que intervirá no acto conmemorativo. É profesora na Universidade da Coruña, investigadora e escritora, e conta cunha traxectoria vital en diversos eidos sociais e políticos.
 Trátase dunha conmemoración anual que ten por cometido manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo dos sucesos de Sobredo, lugar no que perderon a vida unha muller e dous homes ao disolver a tiros, a Guardia Civil, unha manifestación contra un embargo, no marco da loita agraria de principios do século XX a prol da eliminación dos Foros.

 Producíronse os feitos no 28 de novembro do ano 1922. Dita conmemoración realízase no lugar dos feitos, en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no Concello de Tui, ao pe do monumento aos Mártires da autoría do escultor Nogueira.

 Sinalar  que foi no ano 1932 cando se ergueu o monumento (dez anos despois), e, así mesmo, que nos primeiros día do golpe de estado do 1936 foi dinamitado; pois, do mesmo xeito que as persoas foron perseguidas, os símbolos, como o monumento aos Mártires, derrubados.
 Dende a entidade que organiza a actividade conmemorativa sinálase que traballan na recuperación da memoria, resaltan que dar valor aos espazos nos que os feitos aconteceron é o cometido que teñen por diante como entidade cívica. Sobredo enxergaba, xa naquela altura, simbólicamente cunha época (as dúas primeiras décadas do século XX) de loitas reivindicativas e agrupación de forzas que, colectivamente, estruturaban unha realidade social complexa e claramente republicana.

Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo- IEAMSO
Xunta de Goberno
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario