18 de set. de 2014

A GUARDA

O BNG solicita o rexistro do concello da Guarda no dominio “.gal”  

Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG 

Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para que o concello rexistre e active “.gal” no enderezo da web institucional.  O recoñecemento público e o éxito de acollida do Punto Gal demostra que a sociedade galega apoia a normalización do idioma nos máis diversos ámbitos.

 O BNG apoia a utilización deste dominio que fai que a comunidade galega, a nosa cultura gocen dunha marca propia con que identificar os contidos que xeran na Rede.  

 “O .gal é o dominio que nos corresponde como comunidade con fortes vínculos lingüísticos, culturais, históricos e sociais. Polo que temos que promocionalo cara fóra, porque así tamén promocionamos a Galiza”, afirmou Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG.  

 O BNG tamén reclama ao goberno municipal o estabelecemento dun plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar ás súas páxinas web cara ao .gal, incluíndo unha liña extraordinaria de axudas destinadas a facer fronte este cambio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario