A iniciativa Running Rías Baixas
incluirá tres carreiras populares en Tui, Moraña, O Grove e Cambados
A DEPUTACIÓN APOSTA
POLO SENDEIRISMO E O RUNNING PARA A PROMOVER HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES E
DIFUNDIR A RIQUEZA CULTURAL E PAISAXÍSTICA DA PROVINCIA
· No marco de Sendeiros Rías Baixas organízanse 5 rutas de sendeirismo por
espazos nos que se combina a beleza da paisaxe con elementos de valor
etnográfico e arqueolóxico
Promover hábitos
de vida saudable e contribuír á difusión e posta en valor dos recursos naturais,
arqueolóxicos, etnográficos e arquitectónico da provincia é o obxectivo de dúas
iniciativas que pon en marcha a Deputación para os meses de maio a outubro.
Trátase dos
programas Sendeiros Rías Baixas e Tour Running Rías Baixas, que esta mañá
presentaron en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación José Manuel
Figueroa e a deputada provincial Begoña Estévez, acompañados dos alcaldes de
Tui e Cangas, Moisés Rodríguez e José Enrique Sotelo, onde van ter lugar as
primeiras probas. No acto tamén participaron os deportistas Anxo Graña e Juan
Romero, que colaboran na organización das probas.
5 andainas
No que respecta a
Sendeiros Rías Baixas, consiste na
organización de 5 andainas por rutas de sendeirismo nas que se combina natureza
con arte, etnografía e patrimonio arqueolóxico.
Non son, tal e
como indicou a deputada Begoña Estévez, rutas pensadas para deportistas
profesionais, senón para “o público en xeral, para calquera persoa á que lle
guste camiñar e disfrutar da paisaxe”.
Serán, pois,
andainas de dificultade baixa ou media e de distancias curtas, que se iniciarán
o vindeiro 17 de maio en Cangas, co roteiro circular Donón-Monte do Facho, e
continuarán ata o mes de setembro con outras 4 rutas: Camiños do Trega en A
Guarda; Adro Vello-Con Negro en O Grove; Ruta da Auga, as fontes e os
lavadoiros de Parada, en Silleda; e Pontes do Lérez, en Forcarei.
Exceptuando a
ruta de Forcarei, que ten unha lonxitude de case 14 quilómetros, as demais
sitúanse todas no contorno dos 7 quilómetros.
2.000 persoas
A
Deputación agarda que sexan unhas 2.000 persoas as que se sumen a estes
percorridos, que incluirán os servizos de guía, atención sanitaria e o agasallo
dun poncho para cada participante así como consellos para realizar sendeirismo
da forma máis saudable e información turística da zona.
O
obxectivo é que, ao tempo que se difunden os beneficios do deporte entre a
poboación xeral, se acheguen os recursos propios da provincia a toda a poboación,
contribuíndo á súa difusión.
José
Enrique Sotelo agradeceu que se incluíse unha ruta no Concello de Cangas e
destacou o interese paisaxístico e arqueolóxico do itinerario, que conta co
distintivo europeo de Sendeiro Azul (equiparable ao de bandeira azul).
Running Rías Baixas
A estas rutas, e dirixido xa a persoas
máis habituadas ao deporte, súmase o programa Running Rías Baixas, que consistirá na organización de tres carreiras populares en
catro concellos da provincia.
A
primeira delas será a Eurocidade 10, que
se celebrará o vindeiro 8 de xuño no concello de Tui, cun percorrido de 10
quilómetros. Tal e como indicou o alcalde da localidade, Moisés Rodríguez,
trátase dunha carreira que debe o seu nome á unión da localidade pontevedresa
coa veciña de Valença, por onde tamén discorrerá a proba. “Con esta marcha a
Deputación traspasa fronteiras”, asegurou, antes de augurar un gran éxito para
esta proba que xa na edición do pasado ano acadou os 600 participantes.
O
rexedor local indicou que agarda que este ano a participación “chegue aos 1.000
corredores, grazas ao efecto multiplicador” que ten a súa inclusión nun
circuíto da Deputación.
A
segunda das carreiras que se integrará nesta iniciativa é a Carreira do Carneiro ao Espeto, que se
desenvolverá o 20 de xullo no concello de Moraña, cun percorrido de 8
quilómetros e como parte dos actos dunha das festas gastronómicas máis
relevantes e concorrida da provincia.
Finalmente,
o circuíto pecharao unha carreira que ata o de agora non figuraba no calendario
de actos dos concellos: unha media maratón (21 quilómetros) entre os concellos
de O Grove e Cambados que se disputará no mes de setembro.
Esta
iniciativa, segundo afirmou Anxo Graña, supón unha “iniciativa novidosa”, ao
crear un circuíto de carreiras populares no que a clasificación non se fai de
forma individual para cada unha, senón que se establece un sistema de clasificación
no que se terá en conta a participación e o resultado das tres probas. Será o
mesmo formato que se usa para as clasificacións xerais dunha volta ciclista,
sumando os tempos de cada unha das probas.
A
inscrición será gratuíta tanto para participar en Sendeiros Rías Baixas como no Tour
Running e poderá facerse a través da web da Deputación ou nos propios
concellos.
DETALLE DAS RUTAS DE SENDEIROS RÍAS BAIXAS
17 de maio: (Cangas) Donón-Monte do
Facho. 7,1 quilómetros. 3 horas de duración. Dificultade baixa.
- Punto de
partida e chegada: Mirador da Costa da Vela.
- Detalles:
Transcorre no espazo natural Monte Facho e combina a riqueza
arqueolóxica deste contorno (onde se atoparon xa 174 aras e no que se sitúa o
santuario máis antigo de Galicia) coa espectacularidade da paisaxe (con
fermosísimas vistas das rías Pontevedra, Vigo e Arousa, así como das Cíes e
Ons)
1 de xuño: (A Guarda) Camiños do Trega. 7,7 km. Dificultade
Media. 2 horas
- Punto de
partida e chegada: Mirador de Areses
- Detalles:
É un conxunto de pequenos carreiros que ascenden polas ladeiras do
Monte ata a Ermida de Santa Trega, onde se pode disfrutar deste peculiar
xacemento e das panorámicas que desde o monte de observan.
14 de setembro: (O Grove) Adro Vello-Con
Negro. Combina dúas rutas de dificultade baixa e cunha lonxitude total de 6,3
km. Duración: 2 horas e media.
- Detalles:
En Adro Vello atópase un xacemento arqueolóxico de gran relevancia e a
escasos metros do mar… En Con Negro as rutas percorren as praias de Con Negro,
Aguieira, Barreiro e Castiñeira.
12 de outubro: (Silleda) Ruta da Auga, fontes e lavadoiros de
Parada. 6,7 k. Dificultade baixa. 2 horas
- Punto de
partida-chegada: Fonte de Os Buxos
- Detalles:
Ruta que combina etnografía (con fontes e lavadoiros restaurados) con
natureza, pasando por contornos cheos de carballos, castiñeiros e bidueiros, e
a carón de numerosos regatos.
1 de novembro: (Forcarei) Pontes
do Lérez. 13,8 km. Dificultade Media. 4 horas e media.
- Punto de
partida-chegada: Mosteiro de Aciveiro
- Detalles:
Combina arquitectura tradicional e paisaxe. Partindo do mosteiro de
Aciveiro, cruza numerosas pontes sobre o Lérez, entre elas a ponte medieval de
Gomail.

Ningún comentario:
Publicar un comentario