A Comunidade de Montes de Salcidos cede auga non potable ao Concello da Guarda para contribuír ao aforro de recursos
• A iniciativa permitirá empregar auga procedente dun tres dos depósitos da comunidade nas tarefas de baldeo das rúas, reservando a da rede de abastecemento para o consumo humano nun período de elevada demanda.
Infogauda/Salcidos
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos anunciou a cesión do uso da auga almacenada nun dos seus tres depósitos ao Concello da Guarda para a realización das labores de baldeo das rúas, nunha medida orientada a favorecer o aforro de auga potable durante os días de maior consumo.
Segundo explica a xunta reitora, a auga cedida non é apta para o consumo humano, pero si resulta plenamente válida para os traballos de limpeza viaria. Deste xeito, o Concello poderá empregar este recurso nas tarefas de baldeo, evitando utilizar auga da rede municipal de abastecemento nun momento de máxima demanda.
Desde a Comunidade de Montes destacan que esta colaboración pretende contribuír a un uso máis eficiente e responsable da auga, achegando o seu "gran de area" á xestión sostible dun recurso esencial, especialmente durante os períodos de maior presión sobre o abastecemento.
A entidade veciñal subliña, ademais, a importancia da cooperación entre as comunidades de montes e as administracións locais para impulsar iniciativas que beneficien ao conxunto da veciñanza e favorezan a conservación dos recursos naturais.
Con esta actuación, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos reafirma o seu compromiso co interese xeral, coa sustentabilidade e coa colaboración institucional en beneficio do municipio da Guarda.


Ningún comentario:
Publicar un comentario