10 de maio de 2014

PONTEVEDRA

11 CONCELLOS DA PROVINCIA RECIBIRÁN UN TOTAL DE 444.000 EUROS DA DEPUTACIÓN PARA GASTO CORRENTE E PAGAMENTO DE DÉBEDAS

. Esta partida está incluída no plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais
·  A cantidade destinada a estas finalidades representa unicamente o 2,96% do orzamento total do plan, que ascende a 15 millóns de euros
Once concellos da provincia acolléronse á liña de axudas que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para facilitarlle o saneamento das súas contas e que está incluída no Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais, dotado cun total de 15 millóns de euros.

O obxectivo central deste plan é facilitar a realización de investimentos e garantir a continuidade de servizos municipais, polo que prevía a posibilidade de que os concellos destinasen un máximo do 30% da axuda que lle correspondería neste plan a gasto corrente, amortización de préstamos ou pagamento de débedas.

En total, serán 444.000 euros (un 2,96% do total do orzamento do plan) o que se destine a esta finalidade. Os concellos que solicitaron este apoio son: Agolada, que solicitou 40.212,57 euros para gasto corrente; Cambados, ao que se destinarán 49.580,37 euros para o mesmo fin; tamén para gasto corrente son as cantidades destinadas a O Grove (6.052,07 euros); Pazos de Borbén (37.463,32 euros); Portas (3.401,57 €), Ponteareas (101.148,97 €); Redondela (88.735,92 €) e Silleda (13.555,46).
Pola súa banda, A Cañiza recibirá 7.539,31 euros para gasto corrente e 17.190,47 para pagamento a provedores de investimentos; A Lama solicitou 38.557,34 euros para amortización de débedas, ao igual que Meis, que solicitou para este fin 40.730,58 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario