17 de maio de 2014

ELECCIONS EUROPEAS 2014

Lidia Senra na Estrada: “Sen agro non hai futuro”


· A candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa subliñou o obxectivo de AGE de loitar dende o Parlamento Europeo pola implementación de novos modelos de desenvolvemento

Infogauda / A Estrada


“Sen agro non hai futuro”, con esta proclama encetou a candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa Lidia Senra a súa intervención esta tarde na Estrada, nunha comarca con grande peso da actividade agropecuaria. Senra lembrou que “fai vinte anos había máis de cen mil explotacións agrarias no noso país”, mais que logo de máis de dúas décadas de aplicación de políticas neoliberais “agora apenas quedan unhas dez mil”.

Criticou tamén o xeito no que se investiron os fondos adicados ao desenvolvemento rural, xa que na maioría das veces “acabado orzamento, acabado o proxecto”, debido a que “non nos teñen en conta ás labregas e labregos na súa elaboración, non teñen en conta os custos de produción nin outras consideración fundamentais á hora de deseñar as políticas de investimento agrario”.

Ao fío da dinámica de destrución do medio rural que conleva o actual modelo de desenvolvemento, salientou que a Alternativa Galega de Esquerda quere traballar dende as institucións europeas “por políticas que signifiquen o desenvolvemento real do noso país, non necesitamos as receitas de máis crecemento e máis competitividade, senón que precisamos novos modelos de desenvolvemento económico que teñan en conta os límites do planeta, non podemos seguir cas propostas do neoliberalismo”.

A candidata ao Europarlamento insistíu tamén en que “cómpre poñer en marcha políticas de relocalización de todos os sectores produtivos”, e que no caso da agricultura e gandeiria deberán ser “no marco da soberanía alimentaria”, desbotando as políticas neoliberais que insisten na exportación “porque iso implica renunciar ao noso mercado”.

En relación ás consecuencias que o tratado de libre comercio que se está a negociar entre a UE e EEUU tería para o sector agrogandeiro, alertou de que este novo contexto non so provocaría que as grandes agroindustrias “ateiguen os nosos mercados con carne hormonada e alimentos modificados xenéticamente”, senón que ademais  “os EEUU están plantexando tamén que non lle interesan as Denominacións de Orixe nin as Indicacións Xeográficas Protexidas”. Ademais, con respecto ás condicións laborais que se están a negociar neste acordo, subliñou que  “a competencia que nos plantexan é que nos autoesclavicemos”, polo que instou a “rexeitar enerxicamente este tratado que vai significar avanzar no camiño de miseria no que estamos metidas”.

Finalmente Lidia Senra lembrou que “o vintecinco de maio temos a oportunidade de apoiar unha alternativa de esquerda en Europa ca vontade firme de traballar a reo para cambiar as políticas que están a destruír os dereitos da cidadanía”, e recalcou a necesidade de unidade contra “o mostro do neoliberalismo”. “Queremos sumar para poder vivir no noso país e do noso traballo, para ter servizos públicos, para poñer os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital”, concluiu.

Lidia Senra estivo acompañada na Estrada polo portavoz de AGE no Parlamento galego Xosé Manuel Beiras e mais da viceportavoz Yolanda Díaz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario