17 de maio de 2014

ELECCIONS EUROPEAS 2014

   ANA MIRANDA LEVARÁ A BRUXELAS A SOLICITUDE DE BAIXAR O IVE DAS PLANTAS ORNAMENTAIS PARA PODER COMPETIR EN IGUALDADE DE CONDICIÓNS CON OUTROS PAÍSES DE EUROPA

                             Foto: Delmi Álvarez
A candidata nacionalista pide aos habitantes do Baixo Miño que voten o día 25 ao BNG “para que non nos murchen o futuro con máis recortes”

A cabeza de lista do Bloque destaca a labor de Sandra González en Tomiño, “un concello humano, habitable e que respira optimismo”, dixo

Infogauda / Tomiño
A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, anunciou hoxe que levará a Bruxelas a solicitude de baixar o IVE do 21 ao 8% para as plantas ornamentais, igual que xa teñen moitos países de Europa, para que os produtores do Baixo Miño “poidan competir en igualdade de condicións”. A candidata nacionalista, que participou nun mitin na Casa da Cultura de Tomiño xunto ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e á alcaldesa do municipio, a nacionalista Sandra González, pediu aos habitantes do Baixo Miño que o día 25 de maio voten BNG “para que non nos murchen o noso futuro”.
Ana Miranda destacou que a economía local ten no viño e, sobre todo, na horta e na planta ornamental un foco de creación de riqueza e de emprego fundamentais e pediu “que se permita producir nestes sectores e se garantan uns prezos dignos”.

A cabeza de lista do Bloque ao Parlamento Europeo destacou a Tomiño como “un concello que é un exemplo do que é capaz de facer o BNG cando ten a oportunidade de desenvolver o seu proxecto político”. “Un concello humano, habitable, que medra, que se desenvolve, que respira optimismo e esperanza incluso nestes tempos escuros marcados por unha crise das que nos queren facer responsables os mesmos que a provocaron”, afirmou.

Outra Europa é posible

Igualmente, Ana Miranda destacou que “Tomiño é tamén un exemplo irrefutable de que é posible outra Europa, de que é posible facer as cousas doutra maneira, de que podemos plantarlle cara aos recortes, ás políticas que nos impón a dereita. É a proba de que se pode gobernar para a xente, a favor da xente e estando ao lado da xente. É o que fai o BNG con Sandra González e a súa equipa cando decide financiar a teleasistencia na casa, cando apoia o comercio local e de proximidade coa remodelación da praza de abastos”, indicou.

A cabeza de lista do Bloque criticou a actual política da UE “que rescata bancos e deixa tiradas ás persoas”. “Non queremos que murchen os servizos públicos, con políticas de recorte que nos impón está Europa antidemocrática e antisocial, que ten no PP e no PSOE distintas caras da mesma moeda.Non queremos que obriguen aos enfermos crónicos a pagar os medicamentos. Queremos unha sanidade pública, de calidade para todos e todas, porque a saúde é un dereito, non un negocio. Non queremos que murchen os nosos sectores produtivos: a pesca, como ben saben no veciño Concello da Guarda, o noso agro, o noso sector vitivinícola. Queremos que nos deixen producir e vivir do noso traballo”, reclamou.

A troika en Galiza chámase Feijóo

A candidata nacionalista ao Parlamento Europeo asegurou que “a troika en Galiza é Feijóo, porque representa os recortes, de servizos públicos, de educación, de sanidade, das pensións, de salarios”. “Feijóo e o PP son a troika en Galiza, os executores dunha política que causa emigración, paro, pobreza, exclusión social e mesmo fame”, insistiu.

E nós, os do BNG -dixo- non queremos que nos murchen o noso futuro, nin como persoas, nin como pobo. Queremos unha Galiza vizosa, chea de vida, coma as plantas e as flores  que cultivades en Tomiño”, comparou.

Non hai nada máis inútil para Galiza que votar ao PP

A cabeza de lista do BNG replicou a Feijóo dicindo que “non hai nada máis inútil para Galiza que votar ao PP” porque “cando se trata de defender os intereses galegos deixan tirado a este país”. A solución non virá de fora, non virá das forzas estatais de obediencia madrileña, que sempre deixan tirada Galiza”, dixo Ana Miranda, que destacou que “o BNG é o equipo da casa”.

Tamén criticou que “anda Feijóo coa leria de que non se pode votar ás minorías, pero quen representa á minoría é o PP, porque só representa aos ricos e ás grandes empresas do IBEX, a esa minoría que provocou acrise”, denunciou. En cambio, dixo, “quen representa á maioría social deste país é o BNG, porque defende aos sectores produtivos, aos pensionistas acosados, aos aforradores estafados, á mocidade que emigra, aos que non encontran traballo nin buscando debaixo das pedras, aos que están ao lado dos que defenden os servizos públicos de calidade e para todos e todas”, dixo.

Preferentistas e emigrantes retornados do Baixo Miño

Ana Miranda quixo ter tamén unha lembranza para os aforradores do Baixo Miño, “roubados por unha banca depredadora que puxo en marcha a estafa masiva das preferentes”. “Aquí quero pedir un forte aplauso para a Plataforma de Afectados do Baixo Miño, exemplo de loita cívica, incansable a favor dos miles de galegos e galegas roubados, despois dunha vida de traballo e de aforro”, pediu.

Tamén quixo lembrarse dos emigrantes retornados “que están sendo acosados polo Ministerio de Hacienda, perseguidos como se fosen defraudadores ou ladróns. Nesta Europa que permite paraisos e amnistías fiscais”, comparou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario