7 de maio de 2014

DEPORTES

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases do programa e o prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá



DEPORTISTAS E CLUBS DISPOÑEN DE 30 DÍAS PARA ACOLLERSE Á LIÑA DE AXUDAS DA DEPUTACIÓN PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER EXTRAORDINARIO
·        Está dotado de 150.000 euros
·        O obxectivo é facilitar a participación dos deportistas da provincia en competicións deportivas nacionais e internacionais
Os deportistas e clubs da provincia que desexen acollerse á liña especial de axudas que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para a participación en actividades de carácter extraordinario poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e durante un prazo de 30 dúas.

Así se recolle no Boletín Oficial da Provincia que na súa edición de hoxe publica as bases do programa, dotado con 150.000 euros e co que se pretende facilitar a presenza de deportistas pontevedreses en competicións nacionais e internacionais.

A Deputación decidiu poñer en marcha esta iniciativa despois da comprobar as dificultades que moitos deportistas individuais e tamén entidades teñen para sufragar os gastos que implica a participación en campionatos fóra da comunidade galega.

Poderán acollerse a estas achegas tanto os clubs e entidades deportivas, como os deportistas federados individuais. No entanto, non poderán beneficiarse destas achegas os equipos que xa sexan destinatarios de subvencións nominativas no orzamento de 2014.

Para concorrer a estas subvencións, os clubs deberán estar radicados na provincia de Pontevedra, estar inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, estar ao día coas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social e non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

No caso dos deportistas individuais, deberán ser naturais da provincia de Pontevedra ou levar empadroados nun concello da provincia un mínimo de cinco anos; competir oficialmente durante ao ano 2014 con licenza federativa dun club da provincia, ademais de estar ao día coas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social e que non se dea ningún caso de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario