11 de xul. de 2026

A GUARDA

O MAR ENTEIRO NUNHA CARPA: A ROSEGHA DESBORDA O PORTO DA GUARDA NA SÚA PRIMEIRA XORNADA  

  A navegación de maquetas, os obradoiros de návoas, as saídas no volanteiro Piueiro e a presentación do libro "A vela latina guardesa", de Jairo Alonso Lomba, marcaron un sábado de actividade continua na carpa da explanada portuaria 

  O festival organizado pola Asociación Piueiro pecha o día coa navegación nocturna a partir das 24.00 horas e continúa mañá domingo co izado de velas dos antigos ‘gameleiros’, o pasarrúas do Grupo de Gaitas do Club de Xubilados e Pensionistas e a entrega de premios ás 13.00 horas  


No espazo de navegación fóronse sucedendo as quendas dedicadas aos barcos de guerra, ás embarcacións tradicionais de vela, aos barcos de pesca e á manobra, con momentos de navegación libre e un oco propio para os máis pequenos, que botaron á auga as návoas e os barquiños saídos dos obradoiros da mañá
Fotos: Mar Bermúdez

Mar Bermúdez/A Guarda 

 Non fixo falta esperar ao mediodía para comprobar que A Rosegha vai a máis. Desde que O Trebón dos Xidos abriu o pasarrúas ás 10.00 horas, a explanada do porto da Guarda non deixou de recibir xente. Centos de persoas pasaron ao longo do día pola carpa da terceira edición do festival, que este sábado volveu xuntar no mesmo espazo a rapazada, maiores, afeccionados ao modelismo naval e visitantes chegados de fóra da vila. 

 No espazo de navegación fóronse sucedendo as quendas dedicadas aos barcos de guerra, ás embarcacións tradicionais de vela, aos barcos de pesca e á manobra, con momentos de navegación libre e un oco propio para os máis pequenos, que botaron á auga as návoas e os barquiños saídos dos obradoiros da mañá. Arredor do tanque, as exposicións de maquetas, material marítimo-pesqueiro, marcas mariñeiras e barcos de lata mantiveron público constante durante toda a xornada. 


Jairo Alonso Lomba, autor do libro "A vela latina guardesa", asinando exemplares do seu traballo de investigación

 Un dos momentos centrais do día chegou ás 12.00 horas coa presentación de "A vela latina guardesa", o libro no que Jairo Alonso Lomba percorre un dos sinais de identidade náutica da Guarda. Unha hora despois, José Antonio Álvarez Rocha repasou na súa charla a presenza dos barcos de vapor na vila durante o primeiro cuarto do século XX, un anaco de historia local que espertou especial interese entre o público guardés. 

 As saídas no volanteiro Piueiro, a embarcación tradicional recuperada pola asociación, volveron estar entre as actividades máis demandadas, con quendas pola mañá e pola tarde. Desde as 16.00 horas, a rampla do porto acolleu a exhibición e regata de veleiros de radiocontrol da clase IOM e, ás 18.00 horas, Xosé Iglesias explicou o porqué de construír un libro como "Nao cetácea", antes da exhibición de construción tradicional de vela e da visita guiada pola Guarda mariñeira que pechou a programación da tarde. 

 Desde a Asociación Piueiro fan un balance moi positivo desta primeira xornada e agradecen a resposta da veciñanza, do voluntariado e das institucións que colaboran co festival, o Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra. 

 Pero A Rosegha aínda non rematou. Esta noite, a partir das 24.00 horas, a carpa acollerá a navegación nocturna, unha das citas máis esperadas de cada edición, coas maquetas navegando ata o peche. E mañá domingo a actividade retómase pola mañá con novas quendas de navegación e obradoiros de arxila e návoas desde as 11.00 horas, con prazas limitadas e inscrición na propia carpa. 

 O peche terá sabor local. Ás 12.00 horas chegará á carpa o pasarrúas do Grupo de Gaitas do Club de Xubilados e Pensionistas da Guarda e, nesa mesma franxa, celebrarase o izado de velas dos antigos gameleiros. A entrega de premios e a clausura, previstas para as 13.00 horas, poñerán o ramo a unha edición que confirma A Rosegha como cita fixa do verán guardés.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario