7 de maio de 2014

DEPORTES

A VOLTA A ESPAÑA 2014 DESENVOLVERÁ DÚAS ETAPAS NA PROVINCIA DENDE A ESTRADA AO MONTE CASTROVE, EN MEIS, E DENDE SALVATERRA DE MIÑO ATA CANGAS DE O MORRAZO



·        Louzán e Javier Guillén afirman que as subidas ao Monte Lobeira, Monte Castrove e campo de golf de Domaio determinarán a clasificación final

·        A caravana pasará en dúas ocasións  por Pontevedra, Poio e Combarro

·        Guillén agasollou ao Concello de Vilanova cun cadro conmemorativo da saida o ano pasado dende unha batea “un día inolvidable e a mellor saida da Volta da súa historia”, dixo.


A Volta a España 2014 desenvolverá dúas etapas en Pontevedra, provincia que a caravana ciclista percorrerá na súa grande parte. En concreto, serán o 11 de setembro, xoves, a etapa 18 con saida en A Estrada e chegadaao Monte Castrove (Meis), e o dia seguinte, venres 12, con saida dende a Fortaleza de Salvaterra de Miño e final en Cangas de Morrazo.

A nova foi confirmada hoxe polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o director xeral da Volta a España, Javier Guillén, no acto de entrega ao Concello de Vilanova de Arousa dun cadro do inicio da Volta 2013 dende unha batea ubicada no peirao de Vilanova.

A etapa do 11 de setembro partirá de A Estrada e pasará por Cuntis, Pontecesures, Catoira, Vilanova, Monte Lobeira, Cambados, Ponte Arnelas (probablemente), Ribadumia, Meaño, Dena, Vilalonga, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Poio,  Pontevedra (cidade pola que pasará dúas veces), de novo Poio e Combarro para chegar á meta situada no Alto do Monte Castrove, no campo de golf en Meis.

Ao día seguinte, venres, os ciclistas sairán dende a Fortaleza de Salvaterra de Miño, pasarán por Ponteareas, Porriño, Tui, Tomiño, A Garda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña, subida ao campo de golf de Domaio e chegada a Cangas de Morrazo.

Tanto Louzán como Guillén destacaron que, probablemente, o percorrido determinará os resultados deportivos finais da Volta tendo en conta a dificultade das subidas ao Monte Lobeira, o Monte Castrove e o campo de golf de Domaio.

“As Rías Baixas terán, de novo, un alto protagonismo e un notable espazo de promoción e proxección mediática na Volta a España”, dixo Louzán. Polasúa banda, Guillén destacou que a Volta estará unha semana completa en Galicia e que o final da carreira será na Praza do Obradoiro, en Santiago, como broche de ouro á conmemoración da peregrinación de San Francisco a Santiago.

No acto de entrega de material gráfico ao Concello de Vilanova, Guillén destacou que a saida do ano pasado dende unha batea foi “o día de máis éxito da carreira, un dia difícil de superar e inolvidable para a Volta pois contou cos tres requisitos básicos que o aseguran: ciclistas, un esceario extraordinario e 40.000 personas asistentes”.

O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, agradeceu a colaboración da Deputación e o agasallo da Volta, e afirmou que “a saida foi un fito para Vilanova, algo irrepetible pois un pobo  de 10.000 habitantes pasou a albergar a 40.000 personas”. Lembrou tamén o orgullo mostrado por emigrantes vilanovenses en Alemania ao ver as imaxes de Vilanova e as Rías Baixas na televisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario