En caso de non realizar seguimentos específicos, convén realizar un
tratamento antes de que comecen as choivas
AREEIRO RECOMENDA
EXTREMAR A VIXILANCIA ANTE A INMINENTE APARICIÓN DOS PRIMEIROS SÍNTOMAS DE MILDIU
NAS VIÑAS DA PROVINCIA
·
Durante a fin de semana e o luns, acadouse o
desenvolvemento completo do fungo
·
As choivas anunciadas para a fin de semana poden activar
os brotes, con maior risco se as temperaturas son altas ou se producen
tormentas
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de publicar unha alerta fitosanitaria na que advirte do
inminente risco de aparición dos primeiros síntomas de mildiu nas viñas da
provincia.
Esta alerta prodúcese dado que o fungo causante da enfermidade xa acadou
durante a fin de semana e o luns o 100% de desenvolvemento e, malia que aínda
non se detectaron as primeiras manchas nas parcelas de seguimento que Areeiro
controla en O Salnés, o grao de
maduración do fungo, unido á predición de choivas para finais desta semana, fai
prever que os primeiros síntomas aparezan nos próximos días.
Ante esta situación, recoméndase facer un seguimento das viñas e extremar a
vixilancia para detectar síntomas e poder actuar coa rapidez que se require.
Neste sentido, os técnicos de Areeiro recomendan que, no caso de que non se
vaia a realizar este seguimento específico, se proceda ao tratamento do viñedo
cun funxicida sistémico ou penetrante antes de que cheguen as choivas.
Advirten, ademais de que o risco será maior se as choivas non veñen
acompañadas cunha baixada considerable das temperaturas ou se se producen
tormentas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario