TRES CANS
ABANDONADOS ATOPAN FOGAR CADA DÍA A TRAVÉS DO CENTRO DE ACOLLIDA DE ANIMAIS
DEPENDENTE DA DEPUTACIÓN
O centro cumpre
un ano de intensa labor a prol da tenza responsable de mascotas e de loita
contra o maltrato animal
· Máis de 2.000 intervencións, 340 adopcións e 500 cans
acollidos nas súas instalacións demostran a necesidade e o éxito deste centro
· Alma, recollida no primeiro día de funcionamento do
centro, agarda unha nova familia
· Só o 15% dos animais acollidos tiñan microchip
· O centro presentou 14 denuncias por maltrato ou
infraccións administrativas ou penais na tenza de animais
O Centro de Acollida de Animais Abandonados de
Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra, xestiona na actualidade
unha media de 3 adopcións diarias. Esta cifra triplica á dos primeiros meses de
funcionamento do centro e é o resultado das campañas de concienciación en
contra do abandono de animais e a prol da adopción, iniciada a finais do pasado
ano e que nestes momentos se están a desenvolver en diversos colexios de
infantil e primaria da provincia de Pontevedra.
Cando se cumpre un ano da posta en marcha deste centro,
ao que están adheridos 48 concellos da provincia, lévanse realizado máis de
2.000 intervencións, 340 animais atoparon un novo fogar e outros 286 puideron
regresar cos seus donos.
É dicir, o CAAN conseguiu que 626 animais que deambulaban
polas rúas co conseguinte perigo tanto para eles como para as persoas, estean
agora nun fogar.
Estes datos demostran a capacidade do centro de dar
resposta a un serio problema que afecta tanto ás persoas coma aos propios
animais e aos concellos, que son os que teñen a competencia nesta materia e que,
moitas veces, carecían de recursos para xestionar a retirada e coidado dos
animais abandonados.
Malia todo, o éxito destas instalacións non está tanto no
aforro económico que lle supuxo ás arcas municipais (que nalgúns casos se
situou en torno ao 70%) senón, sobre todo, na intensa labor de concienciación a
prol dunha tenza responsable e o fomento
das adopcións.
Das máis de 2.000 intervencións que o centro realizou
nestes primeiros meses, o maior número
(538) centráronse na comarca de O Salnés, motivado en boa medida polo elevado
número de abandonos que se realiza no contorno da canceira. De feito, das 538
realizadas, 141 fixéronse en Meis. Tamén son destacables nesta comarca, as
intervencións realizadas en Vilanova, con 111.
Gondomar é outro dos concellos cun elevado número de
actuacións, con 119. Por comarcas, ademais de O Salnés, destaca Vigo, con 480
intervencións e Deza, con 193.
Reencontro coa
familia
Especialmente relevante está a ser o incremento das
adopcións, que os responsables do centro queren seguir impulsando tanto con
campañas específicas como a través da páxina web, que superou xa as 7.000
visitas en 6 meses.
Ademais das adopcións, o CAAN resultou tamén de moita
utilidade para os propietarios de 286 cans extraviados, que puideron por medio
deste centro dar coa súa mascota.
Destes, o 55% non tivo que ser trasladado ao centro
porque tiñan o correspondente microchip e puideron ser localizados no momento.
Situación diferente foi a do 45% restante, 130 cans que carecían do obrigatorio
microchip e para os que foi máis complicado reencontrarse co seu dono.
Iso si, se volven perderse será moito máis doado volver
ao seu fogar, toda vez que todo animal que pasa polo CAAN sae del completamente
identificado.
Só un 15% cumpre coa
lei
Neste sentido, cómpre ter en conta que só o 15% dos
animais recollidos no CAAN tiñan microchip, o que demostra que, sexa por
descoñecemento ou conscientemente, hai un elevadísimo incumprimento da
lexislación vixente en materia de tenza de mascotas.
De feito, os datos do centro demostran tamén que na
provincia de Pontevedra hai unha alta taxa de abandono de cans, acadando
nalgunhas comarcas os 5 abandonos por cada 1.000 habitantes (cando a cifra que
barallan os estudos a nivel nacional é de 2 abandono por cada 1.000
habitantes).
No máis elevado do ránking están as comarcas de O Salnés
(malia que neste caso hai que ter en conta o citado condicionante da
localización do centro) e A Paradanta, con 4 e 5 animais abandonados por cada
1.000 habitantes, respectivamente. No outro extremo sitúanse as comarcas de
Baixo Miño e Deza con 2 abandonos por cada mil habitantes.
Neste primeiro ano de funcionamento, o CAAN constatou que
o maior número de abandonos se situou nos meses de outubro e novembro, algo que
contrasta coa crenza popular de que os abandonos se concentran no remate das
tempadas de caza. Tampouco os animais recollidos son maioritariamente cans de caza,
senón que os hai de todos as razas, o que evidencia que o problema é
xeneralizado.
Denuncias
Por este motivo, o centro de acollida da Deputación
traballa tamén na denuncia das condutas irresponsables e do maltrato e ten xa
realizados 11 requirimentos a propietarios, 14 denuncias por infraccións
administrativas ou penais relativas á tenza de cans, e 3 colaboracións coas
forzas da orde na investigación de envelenamentos.
Destaca tamén que entre o 10 e o 15% dos animais
recollidos presentaban lesións ou enfermidades graves, derivadas de actuacións
neglixentes, maltrato ou accidentes de tráfico. Todos eles foron tratados polos
veterinarios do centro e moitos atoparon un novo fogar.
Un ano agardando un
fogar
Malia todo, son aínda 500 os animais que permanecen nas
instalacións de Armenteira á espera dun novo fogar.
Entre eles atópanse seis dos oito cans recollidos no
primeiro día de funcionamento do centro, como Alma, acollida no CAAN hai un ano
e que busca unha persoa solidaria que queira darlle afecto.
A raza de Alma, unha pitbull terrier, fai que sexa un
caso difícil para a adopción. Recollida en Vilaboa, Alma é moi agarimosa e
tranquila, pero ata o de agora, non recibiu ningunha solicitude de adopción.
Chegou triste, depresiva, ao centro, pero o contacto coas
persoas e os paseos dos seus coidadores fixeron que recuperase a vitalidade e
que hoxe luza fermosa e vital como é ela, mentres agarda alguén que a reclame.
Ningún comentario:
Publicar un comentario