10 de abr. de 2014

PONTEVEDRA

Ana Isabel Vázquez presidiu a reunión da Mesa Local do Comercio, na que se analizaron algunhas das liñas de actuación para este ano
O COMERCIO DA PROVINCIA APOSTA POLAS NOVAS TECNOLOXÍAS E A MODERNIZACIÓN PARA GAÑAR EN DINAMISMO E ATRAER CLIENTES

·        A Deputación apoia esta iniciativa con medidas como a posta en marcha de centros de asesoramento tecnolóxico e a concesión de bolseiros titulados
·        Vigo, O Salnés e Pontevedra concentran o groso da actividade comercial na provincia
O comercio da provincia está facendo unha forte aposta pola adaptación ás novas tendencias do mercado e ás características particulares do consumidor do século XXI, co obxectivo de non perder espazo nunha provincia na que preto de 50.000 persoas están empregadas neste sector.
Así quedou de manifesto na xuntanza da Mesa Local do Comercio reunida esta mañá na sede da Deputación Provincial de Pontevedra baixo a presidencia de Ana Isabel Vázquez e na que participaron representantes das principais federacións de comerciantes da provincia, como o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Antonio Reguera Repiso; da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, Xosé Bangueses García; da Asociación de Xoiería, Reloxería e Pratería de Pontevedra, Antonio Penín Fernández; e representantes da Federación Galega de Comercio e da Federación de Empresarios e Comerciantes do Baixo Miño.
Na xuntanza quedaron aprobadas por unanimidade as propostas de dinamización comercial que estas federacións van levar a cabo durante este ano 2014 e que inclúen campañas puntuais con motivo de celebracións ou ben organizadas localmente e outras iniciaitvas máis novidosas centradas nas novas tencoloxías, en showrooms, feiras, certames, etc.
Función social do comercio
Ana Isabel Vázquez destacou o peso que o sector comercial ten na provincia de Pontevedra, incidindo en que, ademais de ser un dos sectores que máis aporta ao PIB e un dos que máis emprego xera, “o gran valor do comercio, e en especial do comercio local e de proximidade, é a súa contribución á dinamización dos pobos, vilas e cidades da provincia”.
Neste sentido, valorou o labor das diferentes federacións de comercio “e en especial aquelas orientadas a captar aos novos compradores e a adaptar a súa propia organización e funcionamento ás novas necesidades e demandas do consumidor actual”.
Neste camiño da modernización e adaptación aos tempos, o comercio da provincia conta co apoio da Administración Provincial, tanto dando apoio e asesoramento a emprendedores, como con diversos cursos formativos e, en especial, na actualidade facilitándolle aos comercios máis pequenos apoio tecnolóxico personalizado e acceso a profesionais titulados que contribúan ao seu desenvolvemento.
Así, Ana Isabel Vázquez referiu que nestes momentos está a aberto o prazo para que as empresas da provincia –entre as que figuran os máis de 8.000 comercios existentes– se sumen ao II Plan de Práctica Laboral no sector privado que pon en marcha a Deputación e que non só lle permitirá aos máis novos contar cunha primeira experiencia laboral, senón que tamén beneficiará aos comercios que poderán así dispor de profesionais titulados nas áreas nas que máis o precisen.
A esta iniciativa únese a posta en marcha dos CPAE, centros de asesoramento empresarial en novas tecnoloxías da que se poderán beneficiar a inmensa maioría dos comercios da provincia e que, con especial atención a este sector, inclúe a posta en marcha dunha plataforma de comercio virtual dado que, na actualidade, “vivir desconectado da tecnoloxía é impensable”.
De feito, a práctica totalidade das federacións que hoxe participaron na Mesa Local do Comercio están a apostar polas redes sociais e a internet para as súas campañas de promoción e captación de clientes.
Máis de 8.000 comercios na provincia
A Deputación considera fundamental esta aposta, nun sector que conta na provincia con máis de 8.000 establecementos, dos cales 6.500 son pequenos comercios.
A meirande actividade comercial concéntrase nas tres principais cidades da provincia, de forma que en Vigo existen uns 1.700 comercios, en Pontevedra preto de 1.000 e en Vilagarcía 430. Séguenlle Lalín, con algo máis de 300, Cangas, cuns 250 e A Estrada con preto de 250.
Por comarcas, é a de Vigo a que concentra o groso da actividade comercial, cuns 2.600 comercios (dos que 2.000 son pequeno establecemento), seguida de O Salnés, con 1.300 comercios e Pontevedra, con 1.200 (900 deles pequeno comercio).

A comarca do Deza suma preto de 600 establecementos comerciais, Tabeirós-Terra de Montes 300; O Morrazo, 750; O Condado, 350; A Paradanta, 100; Baixo Miño, 500; e Caldas 270.

Ningún comentario:

Publicar un comentario