30 de abr. de 2014

PESCA

ANA MIRANDA PEDIRÁ NA UNIÓN EUROPEA A “DIGNIFICACIÓN” DO TRABALLO DA MULLER NO SECTOR PESQUEIRO

A candidata nacionalista reuniuse con redeiras no peirao da Guarda, onde demandou un “selo de calidade” que certifique o seu traballo e evite o intrusismo no sector e a chegada de redes foráneas

Ana Miranda defende a necesidade de "dignificar" o traballo das mulleres vencelladas o sector pesqueiro, como ás redeiras.

Infogauda / A Guarda

  A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, defendeu este mércores 30 de abril, a necesidade de “dignificar” o traballo das mulleres que se adican ao mar, entre elas as redeiras. A candidata nacionalista, que mantivo na tarde de hoxe un encontro con redeiras no peirao da Guarda, anunciou que volverá solicitar na vindeira lexislatura na Unión Europea “medidas lexislativas” que favorezan o recoñecemento do traballo da muller no sector pesqueiro e a mellora das condicións laborais de colectivos como a das redeiras


 Ana Miranda, que xa defendeu nesta lexislatura na negociación da Política Pesqueira Común o recoñecemento de profesións como a de redeira ou a de mariscadora, avogou por lograr “mellores condicións de traballo” e o recoñecemento das súas enfermidades profesionais. Tamén solicitará a creación dun “selo de calidade” que certifique o traballo das redeiras, profesionalice o seu traballo e evite o “intrusismo” e tamén a entrada de redes de fóra, procedentes de países onde as condicións de traballo son infrahumanas e non están reguladas e que provocan “competencia desleal” ao traballo das redeiras galegas.



Pesca de baixura 

Do mesmo xeito, a cabeza de lista do Bloque ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio, falou da situación de sectores produtivos como o pesqueiro, afectados por decisións da Unión Europea. Ana Miranda explicou que a Política Pesqueira Común da UE “marxina á flota de baixura galega” e puxo como exemplo as cotas da xarda ou de outras especies que captura a flota galega. Ana Miranda dixo que “a única garantía de traballo para un colectivo como a das redeiras é que a flota galega, tanto a pesca artesanal, como o arrastre ou a pesca de altura, poidan traballar”.  

 Por iso, a candidata do Bloque dixo que na vindeira lexislatura volverá a dar a batalla no Parlamento Europeo para que a pesca de baixura sexa considerada pesca artesanal cun tratamento específico pola Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario