24 de abr. de 2014

GOIÁN

TRINTA VIVEIRISTAS DA COMARCA AMOSARÁN A SÚA PRODUCIÓN NA XI MOSTRA DE CULTIVOS DO BAIXO MIÑO


 Unha trintena de produtores do mundo do viveirismo (planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería) e empresas auxiliares do campo, daranse cita na décima primeira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, a vindeira fin de semana (26 e 27 de abril), no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño).  

 Organizada por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño) en colaboración co Concello de Tomiño, a feira abarcará unha superficie total de 1500 metros cadrados de exposición e venda.

 Segundo salientou o presidente de Acubam, José Cosmed, a presente edición terá importantes novidades, coma que a xornada do sábado 26, se adicará exclusivamente a profesionais do sector, mentres que a do domingo, será para público en xeral, con entrada de balde.

 Outro dato a destacar é que este ano se organiza, por primeira vez, unha ruta guiada por seis viveiros da zona, co fin de que os visitantes (profesionais) poidan coñecer in-situ a produción do sector, e ampliar a súa visión do que ven exposto na mostra. 

 Coma curiosidade, comentaron que nesta edición contarase cun xardín especialmente traído dende o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, e que será unha das principais atraccións deste ano. Colocarase no exterior do pavillón co fin de atraer visitantes. 

 José Cosmed, salientou, asemade, a importancia que ten para os produtores e comercializadores da comarca, seguir mantendo esta mostra, única no seu tipo en Galicia, xa que “pon de releve que o Baixo Miño é unha zona de referencia do sector en todo o país”.  

 A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, reiterou o apoio incondicional do Concello á mostra, e agradeceu a implicación dos produtores na organización de mesma, resaltando a importancia cada vez maior que o sector ten a nivel económico, comercial e de emprego. Por último, informou que nesta edición renderase un homenaxe a Juan Peixoto, pioneiro no sector dos viveiros e na organización da mostra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario