8 de mar. de 2014

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O BNG presenta unha moción para a mellora do saneamento no Barrio de Salgueiró en Camposancos

O BNG denuncia que os veciños e veciñas de Salgueiró levan anos sufrindo as consecuencias dunhas infraestruturas totalmente deficitarias

Xan Lois Lomba, portavoz municipal, e Merchi Martínez, responsábel local do BNG falando coa veciñanza de Salgueiró en Camposancos.



Infogauda / Camposancos 
 O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha moción para que o pleno da Guarda aprobe a mellora do saneamento do Barrio de Salgueiró en Camposancos.
 O BNG denuncia que os veciños e veciñas de Salgueiró en Camposancos levan anos sufrindo as consecuencias dunhas infraestruturas totalmente deficitarias. Como consecuencia do actual estado das rúas, cada vez que chove os diferentes camiños do barrio inúndanse debido a falta ou ausencia de canalización das augas da chuvia.
 As consecuencias son desastrosas tanto para a veciñanza como para calquera que circule por estes vieiros, casas inundadas, móbeis, enseres e electrodomésticos deteriorados, as rúas imprácticábeis.
 Os veciños e veciñas teñen auténticas dificultades para entrar e saír das súas casas co nivel que chega a ter a auga na rúa, afirmou Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG.
  Para o BNG a situación chega a ser de tal calibre que chegan a saltar as tapas dos sumidoiros co perigo que xera para a poboación, chegando a producirse danos nalgúns vehículos.
O alcalde da Guarda desoe á veciñanza de Salgueiró

  Mentres o BNG se reúne cos veciños e veciñas do barrio para coñecer de primeira man a problemática, o alcalde da Guarda, natural de Camposancos, e o seu grupo de goberno desoen á veciñanza de Salgueiró que non é a primeira vez que pon en coñecemento do concello da situación que están a vivir.
  Ante a magnitude dos feitos, o BNG presentou unha moción para que se adopten as medidas necesarias e solucionar este problema buscando orzamento baixo un plan da Xunta, da Deputación, etc...

Ningún comentario:

Publicar un comentario