MARUSÍA CON SABOR A FESTA DA ESCUMA
Reportaxe fotográfica: Maria Amparo Gómez Martínez
Infogauda / A Guarda
Sábado día 4 de xaneiro de 2014. De madrugada ventos moi fortes, que en Oia mesmo acadaron os 134 Km/h. Tronada. Mar de fondo achegando ondas de 6-8 metros no litoral galego.
Pola tarde, pleamar. Unha manchea de escuma en toda á costa. Nas praias de Fedorento, Area Grande, O Puntal, O Forte, O Carreiro,... e no porto de A Guarda, unha moiteduma de persoas de A Guarda, O Rosal, Tomiño,..., e mesmo visitantes que se atopan estes días pasando as festas do Nadal no Baixo Miño, coas súas cámaras fotográficas, teléfonos,... e outros dispositivos, tirando fotos a todo un espectáculo da Natureza.
Foi como se Neptuno, esvarase co xel de baño - con sales e concentrado de algas mariñas - e verquese todo seu contido na auga do mar, seu medioambente natural.
O contradique de Punta Xenete, mesmo resultou insuficiente para facer fronte á forte oleaxe, de tal xeito que á auga do mar, adobiada de abondosa escuma branca, rivalizou co Balueiro, onde desde fai días, a forza do mar, semella querer minimizar á farola que remata ese vello dique.
Sorprendentemente, moitas persoas baixaron á beira do mar, cos seus vehículos á motor, e mesmo houbo algúns xinetes que o fixeron a lombos dos seus cabalos.
Ninguén tivo o máis mínimo reparo, en meter os automóveis, mesmo dos chamados de alta gama - cómo cambiou á cousa nos últimos anos! -, polo medio da escuma, que máis ben semellaba neve dos altos cumes.
O resultado témolo en milleiros de imaxes que con maior ou menor fortuna, moitos afeccionados e mesmo profisionais da fotografía, rexistraron nas súas tarxetas dixitais, tanto en fotografías como en vídeos.
Foi unha marusía con sabor á festa da escuma.
Probablemente este domingo día 5, poidamos voltar á presenciar algo semellante. De tódolos xeitos, non debera esquecérsenos, adoitar tódalas precaucións, para evitar na medida do posible, calquer tipo de accidente.








Ningún comentario:
Publicar un comentario