O BNG rexeita a posíbel agresión
imperialista contra Siria
Infogauda / Santiago de Compostela
A dirección do BNG O Bloque Nacionalista Galega,
ante a posíbel e inminente agresión imperialista contra Siria, desexa
transmitir a opinión pública as seguintes consideracións:
1.
O BNG rexeita esta intervención militar e aposta
pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos sempre no marco
do respecto á soberanía dos pobos.
2.
Máis unha vez asistimos á fabricación dunha
mentira non probada para xustificar unha intervención militar, unha
manipulación que nos lembra ao engano masivo á opinión pública internacional
que se elaborou para o caso de Irak cunhas supostas armas de destrución masiva
que nunca apareceron. Mentres tanto asistimos xa á perda de vidas humanas e a
unha nova vaga de persoas refuxiadas, algo que non podemos máis que lamentar e
sobre o que exiximos que se poña o foco desde o primeiro momento.
3.
Para alén de ser reprobábel e inxustificábel,
esta nova agresión imperialista é totalmente ilegal ao contravir o dereito
internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter
o visto e prace de ningún organismo internacional. Supón, pois, unha actuación
unilateral dos EEUU xunto con algúns socios da OTAN, que queren demostrar a súa
supremacía e o seu poder para actuaren sen render contas a ninguén.
4.
O BNG exixe que o Estado español non interveña,
nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación
militar que, de se producir, só demostra a incapacidade dalgúns gobernos e
dirixentes políticos de aprender dos erros do pasado e pon de manifesto a falta
de vontade para articular os mecanismos que fagan posíbel a resolución
democrática dos conflitos e a convivencia desde o respecto á soberanía dos
pobos.
5.
Finalmente, o BNG fai un chamamento á
cidadanía galega para, caso de se producir o ataque de xeito inminente,
concentrarse nas vilas e cidades do noso país de maneira inmediata (arredor das
20:00 horas) para demostrar o seu rexeitamento desta agresión e berrar con
forza NON Á GUERRA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario