As Plataformas de Afectados por Preferentes acusan a Louzán de demagoxia,
infamia e de faltar a verdade sobre a estafa masiva
Compostela, 10
de marzo do 2013
As Plataformas de Afectados polas Preferentes e
Subordinadas consideran que as declaracións do pasado 8 de marzo de Rafael
Louzán, Presidente provincial do PP de Pontevedra, son un cúmulo de
despropósitos e mentiras e todo un alarde de demagoxia que nada aporta a
resolución do problema da estafa masiva. Son unha proba máis do nerviosismo dos
dirixentes do Partido Popular, acurralados polas súas propias mentiras e
promesas electorais incumpridas, ante a inminencia do previsible estoupido
social que vai provocar a aplicación do Real Decreto Lei 24/2012 por parte do
goberno do estado e que impedirá a recuperación do 100% dos aforros dos
estafados.
Foi o goberno de Feijóo quen negociou informalmente coa
Unión Europea o número de laudos arbitrais que ían ser resoltos favorablemente
(que segundo o ex-Conselleiro de Industria e Comercio só representarían un 15%
dos casos). De feito a día de hoxe quedan máis de 40.000 solicitudes sen
resolver.
Foi o goberno de Rajoy quen impuxo á auditora
PriceWaterhouse Coopers (da que o ministro Luis de Guindos e o actual
Presidente do FROB foron altos cargos) para que escollera as solicitudes que
ían ser aceptadas, sen que ata o momento se fixeran públicos os criterios
seguidos. Esta é unha mostra evidente da opacidade e o caciqueo que impera en
todo o relativo ao proceso de arbitraxe, que por unha banda nolo venden como un
logro do goberno galego e por outra din que “depende exclusivamente de
NovaGaliciaBanco” segundo lles conveña.
O Partido Popular durante o goberno Aznar-Rato-Rajoy, é o
responsable principal de legalizar, no ano 2003, a comercialización de
productos tóxicos polas caixas de aforros. E Alberto Núñez Feijóo tiña
responsabilidades políticas como Vicepresidente do goberno Fraga, ata 2006 e
como Presidente da Xunta de Galicia desde o 2009, periodos nos que se producen
a gran maioría das emisións de participacións preferentes e obrigas
subordinadas en mans de minoristas, tal como consta nas hemerotecas.
É falso que as iniciativas do goberno central “poidan
axudar a solucionar” a situación. Máis ben todo o contrario, cando se nos impón
via Real Decreto asumir o custo dunha parte do rescate bancario mediante as
quitas obrigatorias e os canxes por outros “productos” igual de tóxicos.
Sobre a suas manifestacións de “politización do asunto”,
entendemos que tanto o problema (legalización da comercialización de productos tóxicos,
a fusión, bancarización e posterior intervención das caixa galegas e a
imposición do Real Decreto Lei coa maioría absoluta do PP) como a solución
(anulación extraxudicial dos contratos fraudulentos e devolución do 100% do
aforro) son de caracter político.
Rafael Louzán, a falta de argumentos, bota man da
demagoxia e da infamia, poñendo de manifesto a falsidade e falta de “nobreza” da
maioría dos dirixentes populares, que con peinetas, insultos, provocacións e
inxurias, pretenden convertir ás víctimas en verdugos para autoxustificarse,
nun alarde de irresponsabilidade e falta de rigor.
Os “comandos radicais” aos que fai referencia Louzán
están integrados por xubilados, traballadores, desempregados, persoas enfermas
ou con discapacidades, menores de idade, familiares de afectados, estudantes,
persoas de toda idade e condición, que teñen en común ter sido víctimas da
estafa masiva. As acusacións van polo tanto dirixidas á totalidade dos
afectados e afectadas.
Consideramos ademais que os cargos electos do Partido
Popular teñen na súa man presionar ao goberno de Mariano Rajoy, apresentando a
súa dimisión e baixa no Partido Popular, condicionada a que non se apliquen as
quitas e canxes mediante a derrogación do Real Decreto Lei 24/2012. De se manter nos seus cargos estarían
apoiando a política de roubo e estafa do goberno
do Estado promovida por Mariano Rajoy e Luis de
Guindos.
Plataformas de
Afectados por Preferentes e Subordinadas
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario