Vikingland, de Xurxo Chirro, proxectouse en New
York
O director Xurxo Chirro - no centro da imaxe - , no decurso do coloquio que tivo lugar logo da proxección de Vikingland
Informa: Gustavo González Rodríguez
O documental Vikingland, de Xurxo Chirro, foi
proxectado o pasado 6 de marzo en New York. A presentación tivo lugar na sala 92YTribeca e estivo enmarcada dentro do
ciclo EPIC ENCOUNTERS que organizaba o Flaherty Film Seminar, unha das
institucións máis prestixiosas do mundo en todo o relacionado co ámbito do
documental.
Xurxo Chirro, na súa estadía en New York
O director guardés foi
convidado a participar e trasladouse a esta cidade dos E.U.A. para estar
presente no evento programado polo crítico chileno Jerónimo Rodríguez. A
proxección tivo un eco importante na prensa, tanto nos xornais New York Times e
no Daily News, como no Canal1 de televisión.
A sesión foi presentada por Anita Reher, directora do
Flaherty Film Seminar, e contou con numeroso público que participou de maneira
activa no debate que tivo lugar despois do filme. Nesta conversa Chirro
explicou o proceso de realización do filme e tamén apuntou que “as imaxes de Vikingland teñen unha rabiosa e tráxica actualidade
xa que nestes tempos, outra vez, un importante número de persoas en España teñen
que volver a emigrar ao estranxeiro para atopar un traballo co que poder
subsistir”.
Actualmente Vikingland
está a participar no festival on-line Márgenes
(ata o 16 de marzo). A finais deste mes Xurxo Chirro e o seu filme tamén estarán
presentes no ciclo España Alterada de
Buenos Aires así como no XXXIº Festival Cinematográfico Internacional de Uruguay, en
Montevideo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario