8 de feb. de 2013

CULTURA

O PROXECTO SOCHEO PRESÉNTASE E AMOSA UNHA ESCOLMA DOS SEUS ARQUIVOS NO CGAI DA CORUÑA




  • A sesión terá lugar mañá, sábado 9 de febreiro, ás 18:00 horas no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dentro do ciclo OFF Galicia
  • O Proxecto Socheo é un esforzo conxunto que quere sacar á luz o patrimonio audiovisual da Guarda e do Baixo Miño coa colaboración de todo aquel que garde imaxes
O CGAI acolle unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de dous dos seus promotores: Beli Martínez e Xurxo González. A cita é mañá, ás 18:00 horas, dentro do ciclo Off Galicia, e a entrada é de balde.
Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes.
O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública dos seus pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual local da Guarda e o Baixo Miño.
Proxecto Socheo, traballo compartido
O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.
Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.
A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 15.000 visitasPódense visionar máis de noventa películasdesde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.
“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario