O BNG LAMENTA A MORTE DUNHA
PERCEBEIRA EN OIA E TRANSLADA O SEU FONDO PESAR Á FAMILIA E COMPAÑEIROS E
COMPAÑEIRAS DA FALECIDA
Montse Prado pide á Xunta que abra unha investigación
para esclarecer as circunstancias desta morte, co obxecto de evitar novas
traxedias no mar
Infogauda / Santiago de Compostela
O Bloque Nacionalista Galego quer expresar o
seu máximo pesar pola perda dunha nova vida no mar, a dunha muller, membro da
Confraría de Pescadores da Guarda, que morreu arrastrada polas ondas mentres
collía percebes nas rochas en Oia.
O BNG, a través da
súa voceira de Pesca, Montse Prado, quer facer chegar as súas condolencias e
todo o seu apoio tanto á familia da falecida como aos seus compañeiros na
Confraría e xentes do mar en xeral por tan terríbel suceso.
Montse Prado lamenta
que máis unha vez o mar se cobre unha vida en circunstancias que semella non
están totalmente esclarecidas, segundo denuncian as proprias compañeiras da
falecida.
Para a deputada
nacionalista, neste contexto cómpre que a Xunta actúe coa máxima celeridade e
abra unha investigación para comprobar se o operativo de salvamento,
nomeadamente a actuación do helicóptero Pesca I, funcionou acorde cos protocolos
de tempo estabelecidos.
Prado considera que
nuns momentos tan duros e ante unha traxedia destas características, que
desgraciadamente non é a primeira vez que acontece, a familia e as xentes do
mar teñen o dereito a saber que foi o que ocorreu e por que se produciu a
tardanza de 40 minutos na chegada do helicóptero.
“Trátase –afirma- de
detectar posíbeis irregularidades co obxecto de corrixilas de cara ao futuro e
que non haxa que seguir lamentando novas traxedias nun colectivo tan
castigado”.
A voceira de Pesca
nacionalista lembra que o BNG xa advertiu en numerosas ocasións de que
precarizar o servizo de salvamento, a través, entre outras medidas, da
privatización de parte dos seus medios, como os aéreos, pode ir en detrimento
da seguridade, “por iso urxe esclarecer canto antes que é o que pasou e
rectificar, se fai falla, a política da Xunta neste ámbito”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario