O DÚO HUMORÍSTICO "OS CAMPELOS" ARRANXARÁN O PAÍS NA FESTA SAN QUEITANO
- Como para eles non hai vacacións, celebrarán seu cumio europeo logo das poxas
Infogauda / A Guarda
A cousa está que arde. Que se non nos van rescatar. Que si nos van a rescatar. Que se a prima de risco sobe máis da conta. Que se o déficit ten que ser cero. A de Zeus!!! Xa ninguén cré en ningún dos que están "sai tí que quero entrar eu!".
Eles sonche máis de fiar. Bastante máis que algúns que están na mente de moitos afectados por certos productos que poderíamos calificar non aptos para o consumo. É certo. A xente non quer arbitraxes. A xente quer recuperar os seus cartos, e logo xa falaremos se lles damos o perdón.
Eles son Paquiño e Roberto. Que vostede é turista e non os coñece? Non se preocupe. Son Os Campelos. Hoxe á tardiña, arredor das 19:00 horas estarán a carón da ermida de San Queitano. O rematar as poxas, entrarán Os Campelos en acción. Se usa dentura postiza, déixe-a na casa, porque cos seus "recortes" igual lle cai pola canteira abaixo de tanta gargallada. Non sabemos - nós non somos futurólogos - se arranxarán os problemas que cada día nos crean os que deberían resolve-los, pero do que estamos seguros é que o longo da súa intervención - a dos Campelos, craro está - ninguén vai sofrer por causas alleas á cidadanía. Porqué? Porque eles administrarán de xeito gratuito - agora que hai copago farmacéutico - píloras para sorrir e mesmo rir a mandíbula batente.
Non se perdan esta actuación do dúo "Os Campelos", que nestas datas do verán vai se-lo "cumio europeo" máis escarallante que vostede se poida imaxinar.
E fora crise, que estamos en festas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario