SOUTOMAIOR FOI NOMEADO OFICIALMENTE COMO XARDÍN DE EXCELENCIA INTERNACIONAL, ÚNICO EN ESPAÑA
Todos os países integrantes da Sociedade Internacional da Camelia apoiaron de forma unánime o seu recoñecemento
O Castelo de Soutomaior recibíu este sábado o nomeamento oficial dos seus xardíns como Xardíns de Excelencia Internacional. O parque botánico de Soutomaior é o primeiro de España en obter este prestixioso recoñecemento, que lle foi concedido o 8 de febreiro na localidade China de Chuxion co voto favorable dos 26 países que integran a Sociedade Internacional da Camelia.
Deste xeito, os xardíns de Soutomaior, dependentes da Deputación Provincial de Pontevedra, convértense nun centro de referencia a nivel mundial para a promoción, estudo, conservación e difusión da camelia.
Só outros 9 xardíns en toda Europa teñen recibido este recoñecemento, dos cales 4 están no Reino Unido, 2 en Alemaña, 1 en Italia, 1 en Francia e 1 en Suiza. No resto do mundo atópanse outros 19 xardíns de excelencia, distribuídos entre China, Xapón, Nova Zelanda, Estados Unidos, Australia e Sudáfrica.
420 exemplares de camelia
Para obter este recoñecemento, que se concede a aqueles parques botánicos que destacan pola calidade e cantidade de especies e variedades do xénero camelia, Soutomaior tivo que demostrar que cumpre cos 9 requisitos que a Sociedade Internacional da Camelia esixe para poder ser declarado xardín de excelencia, entre os que se atopan o de estar aberto ao público regularmente; ser de entrada libre ou con taxas fixadas –no caso de Soutomaior a entrada aos xardíns e gratuíta-; ter rexistradas todas as camelias e a súa localización no xardín; ter identificadas con etiquetas as camelias; ofrecer información aos visitantes e, sobre todo, posuír un mínimo de 200 cultivares e especies de camelia.
De feito, na actualidade Soutomaior ten unha colección de máis de 420 exemplares de camelia de 25 especies.
Ademais, puxo sobre a mesa valores engadidos que foron tidos en conta polos membros do xurado, como o feito de que os xardíns posúen unha colección de camelias históricas do século XIX, que comparten espazo con outras 200 especies botánicas diferentes, así como o empeño da Deputación por manter e preservar este xardín; o traballo da estación Fitopatolóxica do Areeiro a prol da investigación sobre cultivo, pragas e enfermidades desta planta; e as iniciativas que se desenvolven nos propios xardíns para a difusión desta especie, como son a exposición da camelia que o Castelo de Soutomaior acolle no mes de marzo e que se poderá visitar tamén este sábado.
No acto participaron o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán; e a presidenta da Sociedade Internacional da Camelia, Patricia Shors; así como a deputada Begoña Estévez; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, entre outras personalidades.
A presentación da candidatura de Soutomaior a Xardín de Excelencia e o ter acadado este recoñecemento é un paso máis na difusión e promoción internacional de Pontevedra, que se verá culminado coa celebración nesta cidade do vindeiro Congreso Internacional da Camelia en 2014.
INTERVENCIÓN NO ACTO DE NOMEAMENTO OFICIAL DE SOUTOMAIOR COMO XARDÍNS DE EXCELENCIA INTERNACIONAL
É un xardín excelente, pero eu diría algo máis: é o máis excelente dos xardíns.
Poucas paraxes nos poden ofrecer unha combinación tan rica de flora como o contorno deste castelo, onde tanto medran palmeiras, como castiñeiros milenarios, magnolios xigantes, naranxeiros ou a secuoia máis grande de Galicia, ademais, claro está, das innumerables e magníficas camelias que lle deron o recoñecemento que hoxe nos cita aquí. E todo iso enriquecido co grande valor cultural e patrimonial que representa o castelo e a súa fortaleza.
Para a Deputación Provincial é unha gran satisfacción traballar para conservar e enriquecer este entorno do Castelo de Soutomaior, nunha aposta firme pola posta en valor dos elementos culturais e patrimoniais da nosa provincia, nos que reside unha boa parte do noso atractivo turístico.
A camelia forma parte indiscutible dese patrimonio histórico e natural, xa que está integrada nos nosos xardíns desde fai máis de 200 anos, e a Deputación Provincial así o soubo ver ao longo da súa historia.
Aí están as Rutas da Camelia, que nos achegan aos principais xardíns históricos da provincia nos que medran estas especies; ou a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro pioneiro en Europa na investigación desta planta; ou o Concurso Exposición Internacional da Camelia, que é xa o de máis longa tradición de Europa e un dos máis relevantes do continente.
Son só un exemplo da riqueza que os visitantes se poden atopar nesta provincia, un elemento máis que nos diferenza doutros destinos turísticos. Aí está o noso verdadeiro valor. Porque os visitantes que cada ano chegan a Pontevedra non veñen buscando unicamente o turismo de sol e praia –que poderían atopar noutros puntos da península-, senón que veñen a esta provincia por ese plus de calidade que lle podemos ofrecer, por esa ampla oferta cultural, gastronómica, paisaxística e patrimonial que só aquí poden atopar.
Estou convencido de que a calidade e a excelencia converterán Pontevedra nun destino turístico preferente a nivel nacional e internacional.
É un obxectivo co que nos temos que implicar todos: responsables políticos, empresarios, profesionais do sector … e no que a Deputación Provincial, a través de Turismo Rías Baixas, está concentrando todos os seus esforzos.
O recoñecemento de Soutomaior como Xardín de Excelencia Internacional é, sen dúbida, un paso máis na difusión e promoción de Pontevedra a nivel mundial, que se verá culminado coa celebración do vindeiro Congreso Internacional da Camelia nesta provincia en 2014 e que lle quero agradecer a Sociedade Internacional da Camelia, representada hoxe aquí pola súa presidenta, Patricia Shors, que de seguro se levará un grato recordo destes magníficos xardíns.
Nós imos seguir andando o camiño, apostando forte polo noso patrimonio natural e por un sector, o turístico, que nos pode situar como unha provincia punteira a nivel nacional e internacional.
E non quero rematar sen unha mensaxe de agradecemento a dúas persoas que hoxe nos acompañan e para as que, sen dúbida, este lugar ten un significado especial: Alberto Núñez Feijoo e Ana Pastor. Os dous teñen estado moitas veces nestes xardíns, os dous, ao igual que o actual presidente do Goberno, Mariano Rajoy, teñen neste entorno un verdadeiro talismán. Moitas grazas.
Rafael Louzán Abal. Presidente da Deputación
Ningún comentario:
Publicar un comentario