O BNG do Rosal cualifica o asfaltado da Praza do Calvario de despilfarro de diñeiro público
Alberte Alonso Pereira e Carlos Villanueva, concelleiros do BNG no Concello do Rosal
Os nacionalistas apostan pola humanización da praza, priorizando o seu uso para as persoas en detrimento dos coches e por trasladar os aparcamentos as rúas colindantes
Infogauda / O Rosal
O BNG cualifica o asfaltado que se está realizando na praza do Calvario do Rosal, como un despilfarro de diñeiro público innecesario. Así mesmo, mostran o seu desacordo con que se siga mantendo a maior parte da superficie como un simple aparcadoiro.
Máis pedra e menos asfalto
Os nacionalistas din que “de abordarse estas obras, deberíase optar por cambiar o asfalto por unha superficie de pedra, limitando o paso dos vehículos unicamente en dirección a rúa Simón del Mazo, aos residentes e a carga e descarga dos comercios”.
O voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, manifestou que hai exemplos ben preto de nós para fixarse, como a praza de Vila Nova de Cerveira e que se “trata de priorizar o uso da praza para as persoas e non para os coches”.
Así mesmo dixo que dende o BNG apostan por trasladar as prazas de aparcamento para as rúas colindantes e para a zona de Barbuntín. Deste xeito, indican, “incluso se crearían máis prazas de aparcamento e permitiríase a humanización do Calvario, recuperándoa para o uso e goce da veciñanza en detrimento dos coches”, o que a xuízo dos nacionalistas, incidiría positivamente na dinamización do comercio da zona.
Alonso Pereira asegurou que as actuais obras, van deixar a praza como estaba, maioritariamente asfaltada e con prazas de aparcamento delimitadas para instaurar unha zona azul. Co cal, indica claramente que a aposta do goberno do PP é manter a praza do Calvario, que é unha das zonas máis fermosas do concello, como un simple aparcamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario