22 de dec. de 2010

OURENSE

A HISTORIA DO CENTRO CULTURAL, NUN LIBRO



A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro que recolle a centenaria historia do Centro Cultural da Deputación (antigo edificio Simeón), unha publicación que fai un percorrido polos aspectos culturais, arquitectónicos, sociais e comerciais que lle deron a este emblemático edificio o carácter e a fama de ser un dos edificios máis importantes da cidade de Ourense.
Ao acto de presentación que tivo lugar hoxe no Centro Cultural asistiu o presidente da institución, José Luis Baltar, acompañado polo director do Centro Cultural, Francisco González Bouzán; os arquitectos Javier Suances Pereiro e Javier Suances Matías; o director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro; o xefe do Negociado de Formación, Carlos Castiñeiras; a responsable de Publicacións da Deputación, Ana Malingre; o director da biblioteca provincial, Enrique Bande, e a directora da exposicións de trens (Cofepo), Maribel Outeiriño. Todos eles analizan no libro diferentes aspectos como a historia do edificio, a súa construción, as obras de restauración, as actividades culturais e a labor que desenvolven os diferentes departamentos que traballan no Centro Cultural.

José Luis Baltar dixo que o Centro Cultural ”é o corazón que late na vida cultural da cidade de Ourense”, e tivo palabras de agradecemento para todas aquelas persoas que fixeron posible que hoxe en día “o Centro Cultural sexa o referente emblemático da cultura na capital ourensá”. Neste sentido, Baltar lembrou que foi a Victorino Núñez, daquela presidente da Deputación, a quen José Luis Baltar lle propuxo adquirir o edificio, e posteriormente co apoio de Xosé Cuiña “fíxose realidade a obra de remodelación, e tamén grazas a el Ourense puido construír outras obras emblemáticas como son a Ponte do Milenio e o Auditorio”.

Tamén tivo Baltar palabras de agradecemento para o director do Centro Cultural, Francisco González, e para todo o equipo que dirixe, afirmando que nunca lle pagaremos “o esforzo e sacrificio de sacar adiante este proxecto cultural nestes dez anos”.

Pola súa banda, Francisco González dixo que ao longo deste tempo pasaron polo Centro Cultural máis de 75.000 persoas, e definiu ao edificio como “o cerne da pluralidade cultural da cidade de Ourense”. Asemade, González Bouzán destacou que sempre tivemos claro que a finalidade deste edificio “tiña que ser a de converterse nun servizo público para achegar a cultura a cidadanía, e que ela fose partícipe de todas cantas manifestacións culturais e artísticas se desenvolven neste edificio. E todo elo foi unha aposta persoal do presidente José Luis Baltar”. Tamén lembrou que coa presentación deste libro “poñemos punto final ao ano no que celebramos o 10º aniversario do Centro Cultural”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario