22 de out. de 2010

SANTIAGO DE COMPOSTELA

UNHA INICIATIVA DO BNG ACADA A UNANIMIDADE NA CÁMARA GALEGA PARA QUE COMECEN AS EXPROPICIÓNS E URBANIZACIÓN DO FUTURO PARQUE EMPRESARIAL DE TOMIÑO





A deputada do BNG, Carme Adán salientou a necesidade deste parque para o desenvolvemento económico da comarca

Santiago de Compostela / Infogauda


A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe, en sede parlamentar, unha proposición non de Lei, aprobada por unanimidade na Comisión de Industria, Enerxía e Comercio, grazas a cal comezarán “en breve” as fases de expropiación e urbanización do futuro Parque Empresarial de Tomiño.
O parque, situado entre as parroquias de Tebra e Vilameán, na marxe esquerda da estrada PO-334, dirección Gondomar, suporá a mobilización de 9 millóns de euros en investimentos, nesta primeira fase, para a creación de 493.456 metros cadrados de superficie empresarial.
A deputada do BNG cualificou de “boa noticia para o concello de Tomiño” o compromiso do Goberno galego para acometer a primeira fase deste proxecto que, sen dúbida, representará “un aposta por dimensionar a capacidade produtiva da comarca” .
O acordo acadado no Parlamento galego, á iniciativa do BNG, empraza ao Goberno galego a poñer todos os mecanismos necesarios para facer realidade o Parque empresarial de Tomiño e para isto debe programar a execución deste proceso na súa primeira fase da maneira “máis inmediata posible” e proporcionar un acceso axeitado dende o polígono ata a vía de alta capacidade, Tui-A Garda garantindo o seu funcionamento parello ao Parque empresarial.
Pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que seguiu dende o Parlamento galego o debate, afirmou que este acordo supón “un recoñecemento á demanda reiterada do goberno local, tomiñeses e tomiñesas e do sector empresarial para sacar adiante un dos proxectos estratéxicos do concello de Tomiño”.
Asemade, González agradeceu “a unimidade das forzas políticas para acadar este acordo” porque – asegurou- “redundará en beneficio de Tomiño, a súa comarca e Galiza”.
A alcaldesa de Tomiño, reiterou “que este parque conta cun expediente administrativo moi avanzado dende a aprobación definitiva do proxecto sectorial no ano 2008 e a súa consecución debe ser o máis rapidamente posible” –aseverou-, Sandra González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario