25 de set. de 2010

PONTEVEDRA

AREEIRO ASINA DOUS CONVENIOS A TRAVÉS DA DEPUTACIÓN COA CONSELLERÍA RURAL E O CETAL DE LUGO POR VALOR DE 624.000 EUROS


Servirán, dunha banda, para investigar e controlar a Armillaria e, doutra, para detectar pragas e enfermidades agrícolas e forestais



Infogauda / Pontevedra



O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ven de asinar un convenio de colaboración co CETAL (Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo) para desenvolver o proxecto: “Control Biolóxico da Podredume Branca Radicular causada por especies do xénero Armillaria en viñedos de Galicia”, por importe de 264.000 euros e cunha duración prevista de tres anos, con expectativas de renovación.
A sinatura do convenio, á que acudiu o Director Xeral do CETAL, Eduardo Vidal Baamonde, serviu para facer públicos os obxectivos deste proxecto, que non son outros que investigar sobre a enfermidade para poder controlala. O que permitirá, en verbas de Louzán, “coñecer a incidencia e distribución do xénero Armillaria, estudar a relación entre os factores xeomorfolóxicos, edáficos, climatolóxicos e de produción e a aparición da enfermidade, avaliar as posibilidades de controlar e erradicar a enfermidade, e atopar axentes de control biolóxicos [para controlar a enfermidade] procedentes de chans galegos”.
Vidal Baamonde, pola súa banda, explicou que “o CETAL encargarase coordinar o proxecto, realizar mostraxes de plantas, raíces e chans en viñedos das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia, análises estatísticos e elaboración do plan de difusión dos resultados”.
Doutra banda, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que depende da Deputación de Pontevedra e aporta 170.000 euros a este proxecto, correrá con toda a parte de análise, realización de ensaios in vitro, busca de axentes biolóxicos para controlar a enfermidade, entre outras tarefas.
Louzán destacou “a importancia do sector vitivinícola, un piar básico da nosa economía (supón o 4% da industria agroalimentaria galega, con máis de 130.000 euros ó ano de facturación)”, e apuntou que “en Galicia temos máis de 650 bodegas, que dan emprego directo a máis de 1.000 persoas”.
Medio Rural
Na mesma liña, a Deputación asinou esta mañá outro convenio, esta vez coa Consellería de Medio Rural, para a determinación das especies que xeran pragas e enfermidades agrícolas e forestais por valor de 360.000 euros.
Esta colaboración, que tamén terá unha duración de tres anos, consistirá na clasificación dos axentes patóxenos, así como a dedución de posibles causas abióticas que se observen nas mostras ou partes de plantas captadas no campo polos servizos de sanidade e produción vexetal e enviadas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro a tal efecto. Estes traballos contarán coa participación dos técnicos da consellería que deste xeito familiarizaranse co recoñecemento dos síntomas das novas pragas.
Os traballos de investigación realizaranse sobre os seguintes organismos nocivos: Fusarium circinatum, Bursaphelenchus xylophilus, Phytophthora ramorum, Erwinia amylovora e Tuta absoluta.
Así mesmo a Estación Fitopatolóxica do Areeiro realiza pola súa conta traballos de investigación ás prospeccións e análise de mostras dos seguintes organismos nocivos: Diabrotica virgifera, Rhynchophorus ferrugineus, Paysandisia archon, Flavescecia dourada, Dryocosmus kuriphillus, Thrips palmi, Toxoptera citricidus, Ciborinia camelliae e Phytophotora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario