13 de xan. de 2010

TUI

CARME ADÁN URXE Á CONSELLERÍA DE SANIDADE A QUE RESPONDA Á SOBRECARGA DE TRABALLO NO CENTRO DE SAÚDE DE TUI E CONTRATE UN NOVO PEDIATRA

A deputada nacionalista lembra que neste momento a consellería aínda non contestou as súas preguntas sobre a situación deste centro

Infogauda / Tui

A deputada do g.p do BNG Carme Adán urxe da Consellería de Sanidade que dea resposta á sobrecarga de traballo do Centro de Saúde de Tui, que estes días volve estar de actualidade ante a falta de pediatras sustitutos.

Carma Adán insiste, a través dunha pregunta parlamentar á que aínda non obtivo resposta, en que a Consellería debe comprometerse firmemente, con prazos concretos que realmente se cumpran, a contratar un novo pediatra para o dito centro, pois é o servizo que máis está baixo mínimos, ao atender o dobre de nenos e nenas que noutros sitios.

Neste sentido, a deputada nacionalista lembra que o número recomendado pola Organización Mundial da Saúde para cada pediatra é de 800 nenos, cando a media que se atende en Tui é de 1400 crianzas.

Para a parlamentar, cómpre unha solución áxil por parte da consellería, non só porque é unha situación que se ven rexistrando xa dende hai bastantes anos senón para evitar que se repitan casos como o desta semana, o pasado luns, que os pacientes infantís do centro non tiveron asistencia de pediatras por estar un de vacacións e outro de baixa.

Carme Adán considera e así o fai constar na súa pregunta, que nestes supostos hai que ter a previsión de substituir o persoal sanitario de forma imediata pero insiste en que a contratación dun novo pediatra para o centro axudaría a desconxestionar a situación.

A deputada súmase así ás demandas de usuarios e profesionais, que dende hai moito tempo ven con forte preocupación o que acontece no centro e piden solucións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario