CONFERENCIA DO PROFESOR XESÚS ALONSO MONTERO
Será o venres día 18 de decembro, ás 20.00 h., no Salón dos Espellos, do Colexio PP. Somascos
Infogauda / A Guarda
Organizado pola Asociación Info MAXE, coa colaboura do Colexio PP. Somascos, de A Guarda, o vindeiro venres día 18 de decembro ás 20.00 h., no Salón dos Espellos (entrada pola Rúa Vicente Sobrino), o académico, lingüista e profesor Xesús Alonso Montero ofrecerá unha conferencia.
A introducción será efectuada polo escritor, filólogo e investigador, Xosé Gregorio Ferreiro Fente.
ACTUACIÓNS MUSICALES: FRAN ESTÉVEZ e TINO BAZ.
O fío argumental da intervención do prestixioso conferenciante serán os documentos que ó longo de varios anos de investigación foi recolleitando e cuios contidos configuraron o libro da súa autoría: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948).
Xesús Alonso Montero recolle neste libro - editado por Xerais, na súa Colección: EDICIÓN LITERARIA>CRÓNICA - cento vinte cartas de republicanos galegos escritas despois de que recibiran oficialmente a noticia de que foran condenados á pena de morte. É o momento en que algúns deciden despedirse, por escrito, dos seus: dos pais, dos irmáns, da muller, da noiva, dos amigos... Nalgúns casos, especialmente entre comunistas, do Partido. Ningún xénero literario expresa con máis emoción o drama da Guerra Civil (e das súas consecuencias) que este tipo de cartas escritas polos republicanos nun momento en que toda esperanza estaba perdida. Hai, ademais, despedidas que son especialmente conmovedoras, e outras, dun certo nivel literario, e todas, e cada unha, un documento histórico que nos fai deplorar as que xa se perderon para sempre e as que, por torpeza ou incuria nosa, aínda non foron exhumadas. Un libro clave no proceso de construción da memoria republicana de Galicia que, ademais, constitúe o primeiro corpus epistolar deste xénero, territorio e período que se publica.

Ningún comentario:
Publicar un comentario